Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
GUERRA FRÍA NA ICANN POLO CONTROL DO ".EH"

O Polisario e Marrocos loitan polo dominio virtual do Sáhara

Rabat boicotea os intentos dos saharauis para que se aprobe o dominio que legalmente lles corresponde

Manuel Vilas - 09:00 02/07/2007
Mahmed no expositor saharaui na reunión da ICANN / Foto: M.V.

Mahmed no expositor saharaui na reunión da ICANN / Foto: M.V.

Seis axentes marroquís seguiron a Khadad Mhamed cando entrou na última asemblea da ICANN, o ente que organiza os dominios de internet. E é que Mahmed, ministro da República Árabe Democrática Saharaui (RADS), acudira a este foro -reunido hai uns días en Porto Rico- para pedir que o ".eh" -o identificador que lle corresponde ao Sáhara- sexa xestionado pola RADS.

O Polisario pediu formalmente a concesión do ".eh" en 2005. Un ano despois, Rabat contraatacou coa súa propia candidatura. Dende entón, a tensión militar que se vive no deserto ten o seu reflexo nos despachos das conferencias da ICANN.

"O único obxectivo da candidatura marroquí é obstaculizar a nosa", quéixase Mahmed en declaracións a Vieiros. O representante da RADS ante a ONU vai máis alá e di que a estratexia de Rabat é "sucia e inmoral".

Os trucos de Rabat
O ministro argumenta que Marrocos xa ten un dominio de seu, o".ma", que tamén usa para as zonas que o réxime chama "provincias do sur". Pola súa banda, os alauitas alegan que son eles os que xestionan as telecomunicacións no Sáhara, territorio que controlan en dúas terceiras partes.

O certo é que a táctica dos marroquís funciona, pois -asesorados por algún dos mellores avogados especialistas en internet- lograron que a ICANN parase a concesión do ".eh".É máis, os seu directivos levan varias reunións evadindo o tema á espera que o Polisario e Marrocos avancen nas negociacións auspiciadas da Nacións Unidas.

A guerra da propaganda
Mais os saharauis están fartos do silencio dos burócratas da ICANN. Para presionalos no cumio de Porto Rico montaron un expositor. A escasos metros do seu "stand", funcionarios marroquís repartían folletos argumentando que o Sáhara é seu e que, polo tanto, Rabat debe mandar no "punto eh" para "preservar a unidade nacional e integridade territorial ".

Unha escena tan tensa como inusual nun foro como a ICANN, que fuxe de todo o que poida traer consigo unha mínima dose de conflito. E é que, ao fin e o cabo, trátase dunha organización non gobernamental, un organismo de técnicos aos que Estados Unidos delegou a xestión do Sistema de Nome de Dominios (DNS).

Palestina si ten dominio de seu
"Eh" é o código ISO que lle corresponde ao Sáhara, de igual xeito que "ps" é o que xa funciona para Palestina. Dos centos de códigos ISO existentes, os únicos que non teñen o seu equivalente dominio no ciberespazo son o do Sáhara e o de Corea do Norte, que xa o está a tramitar.


4,78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: