O presidente da Xunta asegura que o goberno non vai moverse "nin un milímetro" respecto ao "consenso histórico" do Plan Xeral de Normalización Lingüística.
"Lamento que o PP poida caer na tentación de romper un consenso que está garantido neste decreto", comentou Emilio Pérez Touriño en entrevista para a Radio Nacional Española, RNE. O presidente referiuse así á decisión dos populares esta semana de retirarlle o seu apoio ao decreto do ensino en galego aprobado o xoves pasado polo Consello da Xunta. Touriño lembrou o "esforzo" e o debate previo que na súa opinión promoveu a consellaría de Educación, para garantir o consenso arredor deste decreto e criticou que o PPdeG decidise no último momento apartarse do acordo conseguido.
Tamén sobre a necesidade de consenso falou o presidente ao respecto da loita contra o lume. Nese sentido, pediulle á oposición que axude a manter un clima social de "estabilidade" que evite a crispación arredor deste problema. Na súa opinión, un escenario de tranquilidade axudaría a "combater con éxito o terrorismo incendiario". Touriño subliñou tamén que a Xunta "fixo os deberes" na planificación da loita contra o lume. "Todo debería dar resultado e permitir afrontar con máis seguridade e confianza a etapa deste verán", indicou. Referiuse así á aprobación da Lei de Prevención e Loita contra Incendios, aos avances na profesionalización dos servizos de extinción, ao proceso de limpeza deseñado cos municipios e ao despregue dun amplo equipo de prevención. "Cando Galiza consiga ter un monte valorizado economicamente, ordenado, e coidado ambientalmente teremos éxito nesta batalla", dixo.