Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CON J.M. ALARCÓN, CREADOR DE KRASIS

"Os cartos públicos gástanse inutilmente en moitas das subvencións"

O fundador da primeira firma tecnolóxica galega que abre sede en Londres pide un cambio nas políticas para que as empresas poidan ofrecer salarios dignos e os mozos non emigren.

Manuel Vilas - 09:00 03/07/2007
José Manuel Alarcón

José Manuel Alarcón

Krasis, unha PEME de Vigo que desenvolve software, saltou recentemente aos titulares por ser a primeira firma galega de tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) que abre unha oficina en Londres, capital da industria de internet en Europa.

O principal artífice do crecemento desta compañía é José Manuel Alarcón, enxeñeiro industrial reconvertido a empresario informático. De falar resolto e sen medo a polémica, Alarcón arremete contra o actual sistema de subvencións ás compañías tecnolóxicas porque “os cartos lévannos as empresas que menos os necesitan”. Na súa opinión, as administracións favorecen as grandes compañías no seu empeño de "largar cartos para xustificar que se están gastando diñeiro”.

Mais este especialista en desenvolvemento web -que tamén e autor de media ducia de libros sobre progrmación e colaborador de revistas como PC World- non só critica, senón que propón alternativas. No lugar de lugar de que “se gasten os cartos inutilmente en moitas das subvencións que se dan” aposta por investir o diñeiro público en axudas para contratar mozos ben formados en tecnoloxía. Así o explica nunha entrevista co portal da Estratexia Galegda da Sociedade da Información:

Que levou a empresa a abrir sede nunha capital como Londres?
En España o mercado é aínda incipiente, aínda que crece a bo ritmo. Pola contra, fóra está moito máis avanzado e non se precisa tanta formación aos clientes, sobre todo nos países anglosaxóns. Tendo en conta que o noso produto non se instala senón que é SaS (Software as a Service), resúltanos moi doado chegar lonxe, pero necesitamos unha sede emblemática fóra para vencer reticencias.

Unha cuestión curiosa sobre o sector TIC en Galiza é o mercado laboral. Por un lado, dende as universidades alertan da fuga de cerebros a outras partes do estado mentres que asemade certas compañías galegas din ter dificultades para atopar persoal formado abondo en Galicia ...
En efecto, o maior problema ó que se enfrontan as empresas agora mesmo en todos os sectores é a falta de persoal. Dáse o paradoxo de termos os mozos mellor formados da historia pero tamén a maior falta de xente cualificada. Penso que o motivo é que, por unha banda estase asentando a "cultura" do pouco esforzo na xente, pero ademais por outra as empresas quéixanse pero non están dispostas a pagar por xente boa e con ganas. Aí e onde entran as reformas fiscais. Eu prefiro ter facilidades para contratar persoal sen tantas cargas fiscais e que non se gasten os cartos inutilmente en moitas das subvencións que se dan.

Cre que os universitarios galegos están ben formados en tecnoloxías da información?
Creo que falta formación pero é en gran parte por parte dos propios interesados. Eu sempre poño o mesmo exemplo: se o que te gusta é ser neurociruxano non é doado practicar ou formarte a un certo nivel. Pero hoxe en día se o que te motiva é a informática non tes desculpa de ningún tipo para non estar formado. É cuestión de vontade. Eu toda a informática que sei aprendina pola miña conta, a miña formación é en enxeñería mecánica. Non hai barreiras ó que queiras aprender.

Que políticas lle gustaría a Krasis que se tomaran dende as administracións para favorecer o crecemento do sector TIC?
Gustaríanos ver melloras nas condicións fiscais das empresas pequenas e menos aplicar os cartos das subvencións tan mal como se fai de miúdo. Normalmente os cartos lévannos as empresas que menos os necesitan. A reforma fiscal sería máis xusta.

Podería por un exemplo do que vostede cre inxusto?
Si, claro, por exemplo por que se esixe por parte do Estado que un proxecto de innovación en Internet custe como mínimo varias decenas de miles de euros, se unha empresa pequena (ou un autónomo brillante) pode innovar nas TICs con moito menos? Isto deixa fóra das axudas a proxectos pequenos, pero que poderían ser rompedores, e denota unha estratexia de "largar" cartos para xustificar que se están gastando. Ese non é o camiño. Ten que haber subvencións pero mellor aplicadas. Sei que esta opinión é polémica, pero non podo deixar de dicilo.

Un dos focos de Krasis son as ferramentas para o envío masivo de correos electrónicos ...
Si, a nosa ferramenta, MAILCast, é unha completa aplicación de marketing directo que facilita moito o traballo de creación de comunicacións comerciais. Fai maquetado automático dos correos, personalización, envío masivo evitando a saturación dos servidores propios, xestión dos correos "rebotados" e, finalmente, seguimento estatístico dos envíos.

Que tipo de clientes o usan?
Temos clientes de tódolos tamaños e sectores: dende autónomos e PEMEs que o usan para facer boletíns e envían uns poucos centos de correos ó mes, ata telecos ou consultoras de marketing que fan grandes campañas de centos de miles de envíos para empresas moi coñecidas.

En todo caso, as empresas que usen MAILCast deben ter coidado de non realizar spam. Cal é a diferencia entre envíos masivos legais e o spam?
Spam é todo o correo enviado sen consentimento dos seus destinatarios ou correo fraudulento para enganar. En Krasis somos moi escrupulosos con este tema. Todos os nosos clientes deben aceptar a nosa política, se detectamos algunha empresa que envíe spam rexeitámola inmediatamente como cliente. Ademais o sistema incorpora medidas técnicas para asegurar que o correo lícito non é considerado spam.

Neste mercado do software, ultimamente hai certo rebumbio mediático sobre a capacidade de facer negocios usando licenzas libres. Cal é a estratexia de Krasis?
Nós non cobramos polo produto senón polo servizo que este presta ó cliente. Só se cobra en función de canto o uses, pero non licencias de usuario ou seguindo outras estratexias más tradicionais. En calquera caso, como se di nos ámbitos de software libre, "it’s free like a bird not free like a beer". É dicir, moita xente confunde "libre" con gratis, e non é así en absoluto.

Cren posíbel sacar rendemento de ferramentas tan específicas como as súas se as publican como software libre?
Absolutamente. Unha ferramenta coma a nosa non é soamente software. De feito nós falamos dun servizo, non dun produto. É necesario un elevado grado de especialización tanto técnica como en marketing para prestalo. Non é posible poñer algo coma isto en marcha cun instalador "adiante-adiante-adiante". Ademais nós prestamos moito asesoramento ós clientes e non só sobre o uso do produto, que algo moi sinxelo, senón en moitos outros aspectos.

Outro dos seus negocios é a teleformación ...
Dispoñemos dunha plataforma de teleformación, chamada SELF, moi orientada a empresas ou institucións con grandes necesidades de xestión de alumnos, incluso miles ao ano. Emprégana actualmente algunhas importantes empresas fóra de Galicia. Ademais nós mesmos usámola en campusMVP.com, que é a iniciativa máis importante en España na teleformación especializada a formación para programadores.

Cales son os plans de crecemento de Krasis a curto prazo?
Como xa fixemos durante estes anos unha importante inversión tecnolóxica, agora estamos invertendo en marketing, é dicir, en chegar ó mercado. Está probado que a xente lle gusta os nosos servizos, agora temos que facer que se coñezan máis. No medio prazo pensamos gañar bastante cota no mercado do e-mail marketing, grazas en parte as ventas no estranxeiro. No curto prazo temos intención de crecer aínda máis na formación en liña con campusMVP, onde xa somos líderes.


4.29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: