Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
"HABLAREMOS DEL MIEDO", O NOVO DE NADADORA

Peixes abisais

A nova entrega de Nadadora, Hablaremos del miedo (Jabalina, 2007), despídese para sempre da cativadora ourivería pop que alentara en Aventuras dentro de cajas (2004) e Todo el frío del mundo (2005). Entre o rinchar de dentes, o cantil interior e a melancolía atlántica, o disco dos grovenses venta nas estremas da madurez. Un artigo de Iago Martínez.

TEMPOS Novos - 08:00 04/07/2007
Capa de "Hablaremos del miedo" , o novo disco de Nadadora

Capa de "Hablaremos del miedo" , o novo disco de Nadadora

É porque ao cabo todo arde que Hablaremos del miedo recende a paraíso perdido e ten trazas de caligrafía mesta, de borrancho na cinza e derrota. O novo disco de Nadadora, o terceiro logo do pequeno Aventuras dentro de cajas (Jabalina, 2004) e desa estrea maior que foi Todo el frío del mundo (Jabalina, 2005), arrisca outro engado na pegada dos grovenses e despide para sempre a súa cativadora ourivería pop. Abeirado agora ao cantil interior, entre o rinchar de dentes e a melancolía atlántica, o sexteto galego guinda coa inocencia postadolescente e venta nas escuras estremas da idade adulta. Dende o estómago, atravesado nas gorxas emancipadas de Sara Atán e Gonzalo Abalo, o disco gabea nos adobíos de corda e vento cara a cumios dun lirismo até hoxe inédito na banda. De sermos fugaces, semellan dicir ao fondo, brillemos no abisal.

A sombra de La Buena Vida e a sospeita do naif alancaran atrás dos galegos dende as súas primeiras demos até a sebe mesma de Todo el frío del mundo. Alén da mitoloxía da resistencia, a lle facer aínda unha guerra de xoguete á mediocridade, todo por ver de adiar o chamado da idade adulta (Fugaz ou Su primer contacto con el aire), a etiqueta xa non era acaída para un traballo complexo e inzado de riscos, un paso adiante do grupo no que a electricidade shoegazer convivía cun certo preciosismo indietrónico (Incendio#3) ao tempo que con esa clareza pop de marea baixa, moito máis clásica, que os alcumara ao comezo. Desta volta, a viaxe de Nadadora vai moito máis lonxe.

Fóra da homenaxe aos Pulp que alenta en La forma, chiscadela nada disimulada a unha desas bandas perfectas para facerse maior, Hablaremos del miedo bebe no testamento de The Delgados sen deixar de saber a Nadadora. Ao bordo do disco conceptual, entre as confesións de Tú y cuántos como tú e ese memorial da derrota que é Aceptar hai todo un transo espiral dende a deliberada cegueira adolescente até as primeiras certezas da madurez. Sen deixarse arredar polo ruído nin envorcar nos medios tempos, os do Grove porfían no arquipélago, arrandean entre a euforia, a orquestra en miniatura e a sintaxe lamacenta nun disco tan completo que é difícil tomar partido. Quen sabe se o tempo conservará El bosque ou escollerá Frágil, se lembraremos Después de todo ou Todo o mundo protesta, a nova incursión do grupo na lingua galega.

Con Hablaremos del miedo, Nadadora tamén recupera para a música galega a poesía de Lois Pereiro (Monforte, 1958-A Coruña, 1996). Vinte e tres anos despois de que Radio Océano interpretara en clave post punk os versos de Narcisismo, e algo menos dende que Reixa se deixara caer sobre Furia, os do Grove salvan do naufraxio un recanto de Poesía última de amor e enfermidade (1996), o último libro que aquel publicara en vida, e anuncian o que está para aparecer: a banda sonora, compartida con Sevigny e 6pm, dunha fita documental sobre o poeta coproducida por Ciudadano Frame e a TVG.

Producida por Iñaki Bea (guitarra) en Círculo Polar, o seu propio estudio de gravación do Grove, a terceira entrega de Nadadora foise masterizar ao West Side Music de Nova York da man de Alain Douches, responsábel do acabado nos traballos máis recentes de Antony & The Johnsons, Radio 4, Beirut ou Sufjan Stevens. Disco de madureza e sobre a madureza, Hablaremos del miedo é, ao cabo, un tratado sobre o medo, ese medo que temos agora e que habemos ter, xa nolo aprendera aquel Ángel Simón do primeiro Nacho Vegas, durante todos os días que nos quedan por vivir.

Artigo publicado na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 121, xuño de 2007)


2.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: