Desde o Sindicato de Traballadores do Ensino denuncian os privilexios a un milleiro de docentes que non pasaron máis peneira que "a habilitación dada pola xerarquía eclesiástica".
"A selección do profesorado de relixión non é pública e ademais é subxectiva en función da coincidencia ideolóxica coa doutrina oficial da confesión da que se trate", recordan desde o Sindicato de Traballadores do Ensino, STEG. Por iso, subliñan que tarefas como a asunción da dirección de centros, realización de titorías, dinamizacións e outras, deben exclusivamente realizadas polo profesorado que pasou un proceso selectivo "público e en igualdade de condicións".
Desde a formación sindical relatan para Vieiros que o Real Decreto 696/2997 do 1 de xullo simplemente estabeleceu que os contratos do profesorado de relixión pasaran de temporais a indefinidos. Xosé Cabido, voceiro do STEG, explica que o decreto só obrigaba a Galiza a desenvolver unha orde que regulamentase ese proceso e paradoxalmente Educación incluíu dous artigos que "exceden o ámbito do que pode exercer nun centro este profesorado". Trátase dos artigos que permitirían que estes profesores de relixión sexan nomeados para cargos directivos e que realicen funcións de titoría, gardas e demais.
"Desprestixio" para o labor dos titores
Desde o STEG reflexionan que unha función tan importante como a titoría non pode deixarse nas mans de persoas sen a capacitación necesaria e que foron contratadas "coa misión de instruír nos contidos dunha confesión relixiosa concreta".
Ademais, reprochan que os argumentos defendidos pola xerarquía católica, encargada de seleccionar este profesorado, vai de feito contra o espírito da Lei de Ordenación Educativa e da materia de Educación para a Cidadanía. Por iso, critican que se pode dar o paradoxo de que cativos que non cursen relixión teñan como titores no centro a profesores de relixión.
O sindicato recoñece que este tipo de situacións "alegais" xa puido estarse producindo nalgúns centros. Por iso, promoverán unha campaña contra esta "concesión aos sectores máis conservadores" e animarán a nais e pais a denunciaren estes casos aló onde se produzan. Ademais, estudan un posíbel recurso contra esta orde, que piden que non sexa publicada no Diario Oficial de Galicia, DOGA.
Bueno, como si los demás maestros hubieran aprobado todos en oposiciones limpias...como las que acaba de convocar el bigobierno nacionalsocialista.
Gaviotero, pódese ser máis demagogo? Que maneira de botar XXXXX sobre os profesionais e aspirantes a profesionais que están decidindo o seu futuro nos concursos-oposicións! Seguro que están máis preparados e cualificados e teñen máis mérito e capacidade os de relixión. Claro, están tan meridianamente preparados e cualificados que xa nin precisan de procesos de selección: abonda coa unción episcopal.
O profesor de relixón non pode tutorizar alumnos que non cursen a materia de educación relixiosa. Sinxelamente porque a norma di que o tutor debe impartirlles clase a todos os tutorandos. Se non se fixese así poderíase recurrir. O que si é certo é que forman parte da Comisión Pedagóxica como xefes de Departamento e toman nela decisións colectivas que atinxen a todo o alumnado. Ademais deciden nas xuntas de avaliación a promoción dos alumnos. E efectivamente poden acadar cargos directivos. Isto significa que a Igrexa ten unha notable capacidade de influir no sistema educativo e ese é o propósito da sua teima por ter presenza nos centros de ensino.