Mentres, en Galiza o PPdeG reclama que se varíe o decreto no Parlamento para garantir o que denomina "bilingüismo cordial".
O conseller de Educació catalán, Ernest Maragall, anunciou este mesmo luns un ambicioso plan pedagóxico para o profesorado. No trienio 2007-2010, tres milleiros de mestres públicos acudirán a seminarios para mellorar as técnicas de ensino en catalán.
Deste xeito preténdese reforzar os plans de inmersión lingüística que xa comezara no curso 1983/84. Porén, o conseller explicou que esta revisión do plan busca integrar a un alumnado cada vez máis multicultural. A razón é que case un 13% do alumnado catalán é fillo de inmigrantes. Os cursos para os docentes van principiar xa en setembro e teñen unha duración inicial de 30 horas lectivas.
En Galiza, "bilingüismo cordial"
Mentres tanto en Galiza os debates sobre a normalización lingüística decorren por outras quenllas ben diferentes. O presidente do PPdeG volveu acusar este luns o Goberno de intentar unha “inmersión” encuberta. Asegurou que o seu grupo ía presentar unha proposición non de lei sobre o decreto de galeguización do ensino.
Os conservadores aseguran defender o denominado “bilingüismo cordial” fronte a un decreto que “discrimina” o castelán. Para iso esixen que as horas en galego e castelán sexan sempre as mesmas, que os alumnos poidan escoller a lingua coa que se expresan nas aulas e que os pais elixan a lingua vehicular de ensino dos seus fillos en Educación Infantil.