Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Organizan o Cineclube e a Casa Encantada

Cinema na rúa para as noites de verán en Compostela

Seis curtas e medio metraxes serán proxectadas na Praza de Cervantes ao longo dos mércores do mes de xullo, ás 22.00. En agosto, as proxeccións continuarán nalgún lugar por determinar do barrio de San Pedro - Almáciga.

Redacción - 12:24 10/07/2007

O Cineclube de Compostela, logo da súa macrofesta pola cultura libre, aínda continúa no verán. Cambia o emprazamento habitual, no local da Gentalha do Pichel, para a Praza de Cervantes. Xunto coa Casa Encantada, teñen preparado un ciclo de cinema para os mércores de xullo e agosto. Polo de agora, xa teñen un programa para este mes: as proxeccións serán na Praza ás dez da noite (en agosto trasladaranse ao Barrio de San Pedro - Almáciga), e comezan este día 11.

Fano con dúas curtametraxes ben reveladoras: unha homenaxe a Brad Will, o xornalista de Indymedia asasinado pola policía ás ordes do alcalde Ulises Ruiz, en Oaxaca. O cámara gravou a súa propia morte, ao ser tiroteado durante unha carga policial, en outubro do 2006. Will fora impulsor de varias radios libres nos EUA, e viaxara a México para documentar o movemento popular oaxaqueño. A fita, de 37 minutos, titúlase A loita continúa.

A seguir, O que rompe, paga, relata o conflito de Naval Xixón. O filme, producido por Guerrilla TV, de 29 minutos, foi censurado no Youtube, e proxectárono a noite antes do xuízo aos sindicalistas dos estaleiros Cándido e Morala. Pedían seis anos e medio de cárcere para eles, por produciren desperfectos durante unha manifestación. A pantalla foron os propios muros do xulgado de Poniente, en Xixón.

Un día para Barcelona, outro para Galiza


O mércores seguinte, día 18, poderemos achegarnos á Barcelona descoñecida, da man d'O Taxista ful, un peculiar condutor que rouba os coches para poder traballar, un paradoxo da sociedade que o condena. A seguir, Barcelona incívica, Barcelona a cidade dos outros, de Eva Sastre, un retrato da especulación inmobiliaria coa organización do Forum das Culturas 2004 como estratexia.

Para rematar, o 25 de xullo (Día da Patria), dous documentalistas galegos que colleron cadansúa realidade local, puxeron a cámara e o micro enfronte da xente, e deixaron que dous grandes exemplos da realidade galega falasen de si mesmos: A casa de Lola de Andrés, de Olaia Sendón, amosa a destrución feroz da costa en mans do urbanismo sen medida. Céntrase na vila fisterrá de Sardiñeiro, arrasada polas construcións para uso turístico. O modo de vida da poboación, o medio ambiente e a paisaxe son devastados.

Outro exemplo achéganolo Bocixa, no seu traballo sobre a revolta das Encrobas, nos 70: As Encrobas, a ceo aberto, recolle os testemuños das persoas implicadas na que foi a maior mobilización labrega da nosa historia, cando Fenosa expropiou os terreos das Encrobas para a explotación da mina de lignito e a construción da central térmica de Meirama. Podedes saber máis e ler unha entrevista co propio Bocixa no especial de Vieiros, "As Encrobas, trinta anos a ceo aberto".


Ligazóns

4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: