Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Pola súa compracencia cara as “fábricas de cambio climático” das Pontes e Meirama

Verdegaia envía carbón aos conselleiros de Industria e de Medio Ambiente

(Santiago, 14 de xullo de 2007). A asociación ecoloxista Verdegaia enviou senllos paquetes con carbón ao conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e mais ao de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, pola súa compracencia cara as centrais térmicas de carbón de As Pontes e Meirama. Mentres Fernando Blanco se felicita pola continuidade das térmicas de carbón máis alá do inminente esgotamento do carbón galego, Manuel Vázquez olla para outro lado perante estas enormes fábricas de cambio climático. A das Pontes foi a  novena central eléctrica de Europa  con maiores emisións relativas (en gramos de CO2 por kilovatio hora) en 2006, segundo un estudo de WWF.

Verdegaia - 20:23 15/07/2007

    As centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA) son as principais fontes galegas de gases causantes do cambio climático global, facendo que Galicia presente unhas emisións por habitante superiores á media española e á europea. No ano pasado, a central das Pontes emitiu 9,1 millóns de ton. de dióxido de carbono (CO2), 1,9 millóns máis dos que se lle asignaron gratuitamente no marco do comercio de emisións. A de Meirama emitiu  3,8 millóns de ton, 1,3 millóns máis das asignadas. As importantes diferenzas entre as emisións verificadas e as asignadas son consecuencia da xenerosa asignación de dereitos gratuítos a estas instalacións efectuada no Plano Nacional de Asignación (PNA) de Dereitos de Emisión 2005-2007, que desincentivan pouco a produción eléctrica con carbón, a que máis contribúe ao cambio climático. Os gobernos europeos deberían asignar menos dereitos de emisión de CO2 ás industrias para que o comercio europeo de dereitos fose un instrumento eficaz para reducir sustancialmente as emisións que causan o cambio climático, que conlevaría graves prexuízos en todo o mundo –sobre todo nos países empobrecidos- e tamén en Galicia e Europa.

    Verdegaia lamenta que, nin durante o proceso de consulta ás Comunidades Autónomas da proposta do PNA de Dereitos de Emisión de CO2 2008-2012, nin posteriormente, a Xunta procurou influír sobre o Goberno central para que o PNA penalizase fortemente a queima de carbón. Deste xeito, desatendeu a solicitude formulada por Verdegaia en abril do ano pasado perante as Consellerías de Industria e Medio Ambiente e favoreceu a dúas empresas, ENDESA e UNIÓN FENOSA, que contribúen elas soas máis ao cambio climático que todos os fogares e os automóbiles galegos.

    Verdegaia teme que ésta volte a ser unha lexislatura perdida para que a Xunta participe na urxente e vital loita contra o cambio climático. Mentres parece que a Consellería de Industria contempla tan só unha redución do 7% nas emisións do sector eléctrico antes do 2012, a Consellería de Medio Ambiente xa anunciou que o Plano Galego de Redución das Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) –do que logo de 2 anos aínda non se coñece ningunha proposta, a pesar de ser constantemente invocado- non vai actuar sobre as térmicas, virando así as costas ao 40% da contribución galega ao problema do cambio climático. 

    Verdegaia acha que o Plano debería demandar do Goberno de España unha forte restrición dos dereitos gratuítos de emisións de CO2 para a produción eléctrica con carbón e introducir unha reforma do imposto autonómico sobre contaminación atmosférica para desincentivar máis a xeración sucia de electricidade e obter compensacións para Galicia polos custos ambientais asociados á queima de combustibles fósiles.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: