Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Premio á Recuperación da Memoria Histórica

O II Día da Galiza Mártir, para Dionisio Pereira

“Polo seu labor investigador e divulgador da represión franquista”, por dar a coñecer feitos, lugares e nomes, e organizar actos de reparación e rehabilitación da memoria das vítimas.

Redacción - 15:21 29/07/2007

A distinción foi inaugurada o ano pasado, co gallo do ano da memoria, pola Fundación Alexandre Bóveda. O acto de entrega desenvolverase durante un xantar, o 17 de agosto, día da Galiza Mártir, no Pazo da Cultura en Pontevedra ás 14.30.

Esa xornada comezará ás 13.00 coa ofrenda institucional no monumento a Alexandre Bóveda na Caeira (Poio), o monte onde foi fusilado o 17 de agosto do 36. Despois do xantar, xa ás 18.30, celebrarase a cerimonia de aniversario na Capela de Santo Amaro. No cemiterio, diante do sartego de Bóveda, terá lugar o acto cívico, no que intervirá a escritora Fina Casalderrey. Por último, faráselle unha homenaxe política a Alexandre Bóveda no seu monumento da Praza Curros Enríquez, de Pontevedra.

Quen queira asistir poden inscribirse no enderezo electrónico galizamartir@gmail.com ou chamar ao teléfono 670514960, e informarse na web http://galizamartir.blogaliza.org.

En lembranza das vítimas

Este día serve para lembrar o fusilamento de Alexandre Bóveda, que inspirou hai 65 anos á Irmandade Galega de Bos Aires, que presidía Castelao, para dedicarlle o Día da Galiza Mártir ás vítimas da represión franquista.

Con só 29 anos, no 32, Bóveda participara na asemblea pro-estatuto en Compostela, e foi elixido membro da comisión redactora. Un ano despois elixírono membro central do Comité da Autonomía presidido por Bibiano Fernández Osorio Tafall, e no 36 acudiu como candidato da Fronte Popular pola provincia de Ourense ás eleccións. Detivérono, acusado de “traizón”, o 20 de xullo dese ano, e condenárono a morte o 13 de agosto dese ano. Foi, en palabras de Castelao, o motor do Partido Galeguista.


4,67/5 (12 votos)


Comentarios (1)

ecoe #1 17/Agosto/2007 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O ano pasado foi adicado o Premio a Mariví , a compañeira do que tivo "tempo de apandar". Neste ano foi adicado ó Dionisio, que agora xa non está só no banquiño dos acusados, no tribunal que o franquismo deixou atado e ben atado. Agora fáille compaña un rapaz de Cerdedo, antropólogo nunha universidade norteamericana, que tamén sofreu as iras da familia do alcalde fascista e terrorista de Cerdedo -terrorista ó dicir das boas xentes que viviron aqueles tempos-, que, mediante querelas e xuízos queren acalar o mal nome do seu antepasado, nun labor de lle dar dereito ós mortos antes que os dos vivos que manteñen o discurso contrario.

Porén, familia ó parecer moi aficcionada ó google, atoparon unha curtiña referencia ó seu nefasto, onte e hoxe, antepasado, alcalde de Cerdedo na época, de apelido Gutierrez, que estaba pendurado nunha páxina de unha universidade norteamericana e solicitan nada menos que 100 mil ouros (de Franco) de indemnización.

Quedan comprometidas ata os tutanos tódalas institucións seica "democráticas", desde Xunta ás Consellerías, poñamos Cultura, para PRESIONAR no lexislativo -redactores de Códigos penais, tamén de Pontevedra- á fin de protexer os dereitos de INVESTIGACIÓN e ESTABLECEMENTO DE LIBRES HIPÓTESES, que permitan os esclarecementos dos feitos, nesa antiga e programada masacre que quer ser para sempre institucionalizada, nese peculiar €$tado denominado €$paña.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete