Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
DEBATE

A acción voluntaria

Levaban anos cubrindo ocos de exclusión no país pero foi na marea branca que seguiu ao Prestige cando o traballo das e dos voluntarios máis se deu a coñecer. Porén, os milleiros de persoas que puntualmente se mobilizaron para facerlle fronte ao piche pouco teñen que ver con ese voluntario de compromiso continuado que viña constituíndo o substrato do terceiro sector. David Pérez Araújo, Santiago González Avión, Isabel Vázquez e Enrique Peña debaten sobre o voluntariado en Galicia con Estela Mouriño como moderadora. Belén Puñal e Isabel Lema (fotos) dan conta do debate.

TEMPOS Novos - 09:01 31/07/2007

O Prestige divulgou a súa función e proporcionoulle aceptación social, mais supuxo tamén a desarticulación da estrutura política que se viñera creando dende a Administración, froito da purga política do goberno de Fraga naquel momento. O novo Executivo trouxo cambios de relevo: a elaboración do novo Plan de Acción Voluntaria para o 2006-2010 e a confección doutra lei. É pois momento propicio para repensarmos a figura do voluntariado. Cal é a situación en Galicia? Cal seu perfil? Como influíu o Prestige na acción voluntaria? Están as e os voluntarios a ser usados para substituír traballos profesionais e remunerados? Máis terceiro sector implica menos estado de benestar? É necesaria unha nova lei cando apenas hai uns anos que se elaborou a anterior?

Estela Mouriño: Cal é a situación do voluntariado en Galicia? Cales son os seus puntos fortes e débiles?

Isabel Vázquez: A figura do voluntariado mellorou en canto que agora é máis visíbel ca antes e existen máis redes para o traballo conxunto das organizacións.

Enrique Peña: As redes e os foros de traballo conxunto entre as entidades de acción voluntaria non están funcionando. O voluntariado continuo en Galicia é cuantitativamente residual e está nunha fase embrionaria, en boa parte pola falta de traballo de coordinación entre as entidades. Estamos lonxe da situación do voluntariado noutras zonas de España e de Europa.

Santiago González Avión: A instrumentalización política do voluntariado pesou na situación actual.
Estela Mouriño Coordinadora de UNICEF en Galicia

Isabel Vázquez
Directora provincial de Voluntariado e Formación na Coruña de Cruz Vermella

Enrique Peña
Responsábel da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña

Santiago González Avión
Coordinador territorial do Secretariado Xitano

David Pérez Araujo
Técnico da administración local
Xa trala primeira lei e o primeiro plan de voluntariado promovido polo conselleiro Pillado subxacía unha instrumentalización inicial: o reconducir o caudal creado pola prestación social substitutoria cara ao voluntariado. Aínda así, o plan deu froitos importantes grazas, en boa parte, ao traballo de Felicitas Rodríguez, entón directora do Servizo Galego de Voluntariado. Porén, todo o que tiña de positivo, foi arrasado cando chegou o Prestige. A consigna política foi non deixar pedra sobre pedra do que se viñera facendo con anterioridade. Tras unha serie de anos perdidos, coido que agora podemos comezar a debater como sociedade civil.

D.P.A.: Hai uns anos existía en Galicia un tecido social vivo en base a pequenas asociacións de diverso tipo (de barrio, xuvenís, veciñais...) nas que a xente desenvolvía un traballo moitas veces marcadamente voluntarista. Ese modo de organización colectiva foise esboroando, e aquelas persoas voluntaristas non pasaron a voluntariado. Baixou a participación da xente en asociacións que teñen voz e voto e houbo unha deriva cara a unha participación low cost, na que os voluntarios se achegan a unha entidade, toman parte nesa actividade durante unhas horas e marchan para a casa. Por que a xente decide facerse voluntaria e non integrarse nunha asociación, cos seus dereitos e deberes?

S.G.A.: No caso do Secretariado Xitano, o voluntariado ten unha participación activa na entidade. Dende o meu punto de vista, o voluntariado non rivaliza co asociacionismo. Por outra banda, non creo que teñamos retrocedido. Simplemente, non avanzamos o suficiente porque non fomos capaces de articularnos como sociedade civil. En Galicia, que é agora unha sociedade en transición, houbo que esperar a que se fixese unha transición política para emprender seriamente a articulación da sociedade civil.

E.M.: Cales son os puntos fortes do voluntariado en Galicia?

S.G.A.: É moi importante o papel do voluntariado como vangarda social, como laboratorio para a inclusión social, como educador da propia cidadanía. Ás veces educando á mocidade para o servizo da cidadanía; outras, convertendo en cidadáns activos a persoas que xa remataron a súa traxectoria laboral e profesional.

D.P.A.: Do voluntariado, ben conducido, poderíase extraer unha cidadanía cun importante sentido crítico. O problema xorde cando ese sentido crítico vai en contra dos intereses de quen estea a gobernar. Este pode ser un risco que as institucións non estean dispostas a asumir.

I.V.: O voluntariado é un vehículo transformador. Nos últimos anos parece que se manifesta unha certa desvinculación do voluntario, que colabora pero non participa nin se integra nas organizacións. Isto agora estase empezando a traballar de forma intensa por parte das organizacións. Creo que é importante socialmente o traballar a participación e o compromiso, ese espírito integrador e transformador nas persoas voluntarias que, ao final, repercute na comunidade.

E.P.: Como puntos fortes, destacaría a función do voluntariado como elemento educador da cidadanía. Ademais, coido que foi importante o papel do Prestige como momento de inflexión e demostración de que a cidadanía galega actúa en momentos puntuais. Por último, subliñaría a extensión do voluntariado a novos ámbitos, como a defensa ambiental ou a loita contra a violencia de xénero. Entre os puntos febles, a falta de formación e a de coordinación son para min as dúas lacras fundamentais do voluntariado en Galicia.

E.M.: Cal é o perfil do voluntariado en Galicia na actualidade?

S.G.A.:O voluntariado militante, que mantiña vivo o seu compromiso durante anos, desapareceu. O voluntario actual ten unha vida media de traballo continuo que oscila entre un e dous anos.

E.P.: O perfil do voluntariado correspóndese co dunha muller que permanece neste tipo de actividade durante aproximadamente dous anos. Cada vez hai máis persoas de carreiras técnicas que cooperan, o que supón un certo cambio, dado que antes o voluntariado estaba moi enfocado ao ámbito máis sanitario e eran principalmente persoas destas áreas as que colaboraban. Por último, trátase dun voluntariado cada vez máis formado, en parte porque as entidades que facemos un voluntariado activo e crítico cremos que a formación é fundamental.

I.V.: Dende Cruz Vermella tamén observamos a incorporación crecente das mulleres. Agora os perfís do voluntariado están máis diversificados. Mentres antes o voluntariado case se reducía só á xente moza, agora hai máis amas de casa, persoas prexubiladas... Así mesmo, actualmente as persoas voluntarias acoden cunha formación cada vez maior.

S.G.A.: Segundo amosan os resultados dun estudo realizado pola Xunta, o perfil está moi polarizado. Hai moita xente nova que comeza a colaborar e mantén ese compromiso voluntario durante aproximadamente dous anos. A participación cae, porén, naqueles tramos de idade que se corresponden coa vida laboral e profesional. Por último obsérvase unha incorporación crecente de xubilados e xubiladas. Si detectamos a presenza de amas de casa pero, tendo en conta a incorporación das mulleres ao mundo laboral, non é o perfil maioritario que nos poida dar un voluntariado sostido.

I.V.: Hai que diferenciar tamén entre aqueles voluntarios e voluntarias que se desvinculan totalmente da entidade cando deixan a acción voluntaria, e aqueloutros cos que, aínda cando deixan de exercer un compromiso continuo, segues podendo contar de maneira esporádica.

E.M.: Como influíu a mobilización solidaria xurdida a raíz do Prestige no voluntariado?

I.V.: Coido que temos que aclarar a diferenza entre voluntariado continuo e o movemento voluntario producido, puntualmente, a raíz do Prestige.

E.P.: O Prestige é unha mobilización puntual. Mais tamén hai que recoñecer que, a partir de aí, houbo xente que consolidou un compromiso máis continuo e pasou a facer voluntariado ambiental.

D.P.A.: Maio do 68 foi voluntariado? O Prestige deu lugar a unha mobilización solidaria xerada por un sentimento de país, pero para min iso non é voluntariado. É máis, todo o que o Prestige poida asimilarse con voluntariado é absolutamente negativo. A raíz do Prestige as estruturas de voluntariado creadas dende a Administración autonómica con anterioridade foron arrasadas por completo.

S.G.A.: Mais o certo é que a partir do Prestige empezouse a falar de voluntariado e este puido contar cunha mellor aceptación. Mesmo a esquerda de sempre comezou a darlle certo predicamento. Fixo falta o Prestige para que se percibise o voluntariado como unha alternativa cívica posíbel. Moitas das persoas que participaron nese momento puntual logo derivaron en voluntariado ambiental e mesmo tamén social, dado que non hai un soporte suficiente de voluntariado ambiental para dar resposta a todas as inquedanzas xurdidas.

O debate completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 122, xullo de 2007)


4.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: