Subliñou este martes en Ourense a conselleira de Sanidade a ocultación realizada polos seus antecesores no Servizo Galego de Saúde.
A conselleira recoñeceu non estar sorprendida por unha análise do Consello de Contas que confirmaría as prácticas que María Xosé Rubio Vidal lle reprocha ao anterior equipo da Consellaría de Sanidade.
Segundo a fiscalización realizada, na altura de 2004 e malia recoñeceren apenas unha débeda de 15,5 millóns de euros, o Servizo Galego de Saúde acumulaba xa un lastre de algo máis de 335 millóns de euros. Cun atallo contábel, o equipo xestor do Sergas tería evitado ese ano recoñecer a débeda real.
Por outra parte, a actual conselleira de Sanidade asegurou este martes que as recomendacións realizadas polo Consello de Contas ao fío do último exercicio analizado pola institución, o de 2004, coinciden con liñas de actuación xa despregadas pola Xunta actual. Así, María Xosé Rubio referiuse por exemplo ao reforzo da atención primaria, ás sinerxias entre a atención do médico de familia e o médico especialista ou mesmo á propia dispoñibilidade de sistemas máis áxiles para as reclamacións dos usuarios do servizo de saúde. Rubio Vidal insistiu en que o seu equipo traballa no estabelecemento de plans en todas estas áreas.