Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Respondendo a unha pregunta do MpDC

A Delegación do goberno español admite que pode estar gravando os detidos de forma irregular

A institución afirma que está legalmente prohibido informar das actuacións das forzas de seguridade do Estado, mais non desminte a información.

Redacción - 12:00 10/08/2007

En resposta a unha pregunta presentada polo Movemento polos Dereitos Civís (MpDC), a Delegación do goberno español en Galiza enviou un escrito onde non nega que se estean a gravar a persoas detidas de xeito irregular, empregando cámaras, -e moitas veces teléfonos móbiles-, senón que en realidade di que, de facelo, non poderían informar diso. Na resposta emitida hai poucos días ao MpDC, a institución española asegura que, no caso de haber este tipo de imaxes, "teñen un carácter reservado e a súa difusión está legalmente prohibida".

Unha actuación que vulnera a Lei de Videovixiancia e a de Protección de Datos
Ao MpDC parécelle "sorprendente" que a institución española en Galiza se ampare en distintos artigos da constitución española para defender as súas supostas ilegalidades, dicindo que o dereito dos cidadáns de acceder a arquivos e rexistros públicos, "non poderá ser exercido respecto dos expedientes que conteñan información relacionada coa seguridade do estado e coa investigación de presuntos delitos que poidan afectar á protección dos dereitos e liberdades de terceiros".

Neste sentido, dende o MpDC queren denunciar "unha falla de responsabilidade total" da Delegación española en Galiza e informan que van pór estes feitos en coñecemento do defensor del pueblo.

"As autoridades policiais tentan estender un discurso xustificativo"

En relación aos abusos denunciados recentemente, os altos mandos da policía española están a tentar quitarlle forza ás gravacións, xustificándose no seu dereito a descubrir casos de malos tratos aos detidos, segundo afirma o MpDC. Hai pouco, varios mossos d'esquadra foran descubertos mentres lle daban varias malleiras a detidos. Os vídeos foron difundidos na rede e en diversos medios de comunicación. Tan só no ano pasado foron rexistradas máis de 600 denuncias de malos tratos nas comisarías no estado español, a maioría en Cataluña e en Galiza.

Porén, de se confirmar a certeza dos feitos e a existencia destas peculiares medidas de "autoprotección", estarían a recollerse datos sen o consentimento das persoas afectadas e sen o amparo de ningunha lexislación ou regulación, sendo esta unha práctica arbitraria, a disposición do estamento policial, e sen que as persoas afectadas puidesen facer valer os seus dereitos.

Para facer uso de vídeo-cámaras móbiles, segundo din dende o MpDC, é necesario contar coa autorización previa do responsábel provincial das forzas e corpos de seguridade, que debe xustificar a idoneidade da mesma.


4,14/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: