Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Desminte a información de 'La Stampa'

Berlusconi cualifica de "fantasía" a creación dun novo partido de centrodereita

O xornal afirmaba este domingo, a partir das indiscrecións do seu círculo máis íntimo, que o xefe da oposición italiana fundaría o Partido da Liberdade para rematar coa fragmentación dos conservadores.

Redacción - 12:00 20/08/2007
Silvio Berlusconi

Silvio Berlusconi

O xefe da oposición italiana, Silvio Berlusconi, desmentiu este luns nun comunicado a información difundida na primeira páxina do diario turinés La Stampa deste domingo, onde se afirmaba que o ex primeiro ministro ía crear un novo partido para agrupar a todo o centrodereita. Berlusconi cualificou a información de "fantasía".

Segundo o xornal, Berlusconi tería a intención de crear unha nova formación política, o Partido da Liberdade, para rematar coa fragmentación do centrodereita, e que sería presentado o vindeiro venres durante un acto político en Courmayeur, nos Alpes italianos. Porén, o magnate da televisión tamén desmentiu que el vaia estar presente no evento.

A nota de Berlusconi engade que Forza Italia, o partido que fundou en 1994, "é o baluarte da democracia e a liberdade en Italia" e asegura que é "insubstituíbel". "Agardo que a escaseza de novas neste momento, con moitos italianos de vacacións, non leve a outros xornais a se dedicar a estas desenfreadas fantasías", conclúe a nota.

Indiscrecións
A información do xornal foi confeccionada a partir das indiscrecións dun círculo de íntimos amigos de Berlusconi, así como do testemuño dun xornalista que escoitou ao xefe da oposición facerlle un comentario sobre o tema ao conselleiro delegado do Milán, Adriano Galliani, equipo propiedade do magnate.

Ademais, segundo La Stampa, a secretaria deste partido sería a empresaria Michela Vittoria Brambilla, e reuniría aos 'moderados' que hoxe forman parte das principais formacións da dereita italiana: Forza Italia, de Berlusconi; Alianza Nacional, de Gianfranco Fini; Liga Norte, de Umberto Bossi; e UDC, de Pier Ferdinando Casini.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: