Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XIII Xornadas Estivais de Lingua e Cultura Galegas

A comunicación en clave de país debátese en Raxó

Do martes ao xoves intervirán Tareixa Navaza, Luís Álvarez Pousa, Bieito Alonso, Xosé Emilio Vicente, Ramón Vilar, Xosé Lois González e Manuel Mera.

Redacción - 13:00 20/08/2007

As XIII Xornadas Estivais de Lingua e Cultura Galegas están dedicadas este ano á comunicación. Do 21 ao 23 de agosto, desenvolveranse sete conferencias sobre a información na nosa lingua na casa do mar de Raxó, nunha actividade que organiza a Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó (Poio).

Os tres días de relatorios pretenden amosar como se estrutura a comunicación en Galiza, dende unha perspectiva de país, dándolle valor ás iniciativas que empregaron como vía de expresión o noso idioma fronte a unha maioría de medios que seguen a vivir de costas á nosa lingua.

O primeiro día estará dedicado ao compromiso dos medios co idioma e co país. Intervirán, a partir das oito do serán, Tareixa Navaza, Luís Álvarez Pousa e Bieito Alonso. Tareixa Navaza foi unha das pioneiras no uso da nosa lingua na televisión, mediante o seu traballo en TVE en Galiza, con fitos como a retransmisión do traslado dos restos de Castelao, en 1984. Na actualidade forma parte do consello de administración da CRTVG. Falará sobre a televisión pública no noso país e a súa relación coa nosa realidade cultural e nacional.

A conferencia de Luís Álvarez Pousa tratará sobre a súa experiencia como fundador da revista Teima, xurdida na transición e caracterizada pola cobertura de temas políticos e culturais galegos. Nela participaron, tamén, Xavier Vence, Manuel Rivas e Víctor Freixanes, entre outros. Álvarez Pousa é actualmente director da revista Tempos Novos e profesor de Xornalismo na USC.

Pola súa banda, Bieito Alonso repasará a historia do semanario A Nosa Terra, que fai cen anos. O xornal, que naceu como voceiro das Irmandades da Fala, recibiu recentemente a Medalla de Galicia, mentres se enfronta a unha renovación do seu accionariado. Alonso é docente e autor de diversos traballos sobre a historia contemporánea de Galiza.

A segunda xornada, a cuarta feira 23, estará dedicada ao papel de Galiza na sociedade da información, e contará coa presenza de Xosé Emilio Vicente, xornalista e ex-secretario xeral de Galiza Nova, que tratará a dialéctica entre a globalización, os medios e Galiza, baixo o título de “Enmenda á globalidade”. Despois, o director de Vieiros, Ramón Vilar Landeira, explicará o papel de vieiros.com como punto de referencia da internet galega e o xurdimento dos medios dixitais na nosa lingua.

O programa clausurarase o xoves 24, coa intervención de Xosé Lois González, autor dos cadriños d'O Carrabouxo no xornal La Región, que disertará sobre o humor galego na prensa e a súa función crítica. Logo será a quenda de Manuel Mera, ex-secretario xeral da CIG e actual presidente de FESGA, que falará sobre sindicalismo e comunicación.

As xornadas dividíronse en tres xornadas para que fose posíbel abranguer un tema tan extenso como a comunicación. A entrada é libre, así como a participación do público. A inscrición pódese facer na Casa do mar de Raxó ou no enderezo comunicagz@gmail.com
. A Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó aproveitará para presentar a súa páxina web.


3.8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: