Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"As cifras de accidentes son inasumíbeis"

A UGC considera que a política de seguridade viaria é "errónea"

A asociación galega da Garda Civil critica a actuación da DXT en Galiza, especialmente do seu responsábel no país, Xosé Luís Ulla, do cal din que "hai mostras suficientes da súa ineficacia para o cargo".

Redacción - 14:30 20/08/2007
A UGC propón a inclusión da Seguridade Vial no currículo escolar

A UGC propón a inclusión da Seguridade Vial no currículo escolar

A Unión de Gardas Civís de Galicia (UGC-Galicia) manifestou este luns a súa preocupación polo elevado número de accidentes de tráfico que se producen no país, que segundo esta asociación responde en parte a que "a política disposta por burócratas desde Madrid non atende ás realidades de Galiza".

Así, afirman que o país "conta coa maior densidade viaria e coas provincias con máis quilómetros de estradas do Estado. Non se contou o necesario cos criterios dos técnicos de Tráfico nin de Obras Públicas de Galiza. Hai poucos quilómetros de autovías. A climatoloxía require un forte investimento en firme antiescorregadizo, xa que non hai o suficiente e o que hai xa non é operativo por falta de mantemento".

Ademais, lembran que xa con anterioridade denunciaran "a lamentábel política desenvolvida en Galiza, desde a Dirección Xeral de Tráfico (DXT)", que consideran "errónea" e que "prima a recadación con denuncias". "É doado atopar os novos radares fixos en tramos rectos de autovía onde se aumenta a velocidade e que nunca salientaron por unha alta sinistralidade; coidamos que a súa localización persegue só recadar", afirman.

Críticas ao responsábel da DXT en Galiza

Por último critican tanto ao director da DXT, Pere Navarro, polos seus comentarios de pasadas datas ao respecto da "psicoloxía e pesimismo dos galegos", como especialmente ao responsábel da Garda Civil de Tráfico galega, Xosé Luís Ulla, que "segundo estes datos, habería mostras suficientes da súa ineficacia para o cargo".

"Estabeleceu macrocontrois de alcolemia en certos puntos de Galiza, con case todas as patrullas provinciais, desatendendo así o resto da provincia que quedaba sen ningunha. Por iso aumentaba eses días a sinistralidade con alcolemias positivas en lugares afastados destes macrocontrois", denuncian.

Propostas da UGC

A UGC-Galicia, para reducir estas cifras propón, ademais da substitución de Ulla, "por ineficacia", outra serie de medidas a aplicar tal como unha maior rigorosidade coas sancións graves, "con pronta retirada do permiso de conducir nestes casos"; a colocación de radares fixos "onde haxa alta ou incipiente sinistralidade".

Apostan tamén por "non destinar gardas civís á vixilancia do tráfico en poboacións con Policía Local", para poder aumentar o número de patrullas; pola redución do número de axentes destinados a labores burocráticos, e a transferencia "das que sexan viábeis" a funcionarios civís; e, "con miras ao futuro", implantar a Seguridade Viaria como materia escolar.


4,9/5 (10 votos)

Comentarios (2)

baltar69 #1 21/Agosto/2007 baltar69

o asunto da implantación dunha asignatura relacionada cá educación viaria na escola é algo urxente e amosa, unha vez máis, a discontinuídade entre os problemas do común e as veleidades da clase política. a estas alturas de século hai unha serie de realidades que son totalmente incontestables: unha de elas é que a conducción de vehículos a motor experimentou nos derradeiros vintecinco anos un aumento exponencial que fai necesaria unha revisión profunda da formación técnica e humana orientada o manexo e convivencia con estes tarecos. con tódolos respetos os profesionais das autoescolas, reais automóveis clubes e técnicos de tráfico do ministerio do interior, o feito administrativo que faculta o cidadán a manexar polas vías públicas xa non serve para nada. a publicidade introduxo na sociedade unha serie de vicios e costumes, de visións do feito automovilístico, que nada ten que ver ca realidade e esa realidade ten que ser investigada, organizada e explicada os cidadáns tal e como as ciencias ( física, fisioloxía, psicoloxía, economía...) a poidan adaptar e non deixalo soio nas mans dos técnicos de mercadotécnia dos grandes fabricantes. hoxe a conducción dun vehículo, a sua posesión, xenera no individuo unha serie de comportamentos, condicionantes, riscos, etc que ese paciente pagador de impostos e tasas debe coñecer. e ese debate, ese achegue de coñecemento o cidadán, será o único que frene realmente esta sangría.
por suposto que ó grande capital monopolístico( gm, ford, vw ag, fiat ) non lle interesa para nada esta toma de contacto por parte da poboación e os políticos que están baixo o seu dedo defenderán en nome da liberdade individual ( qué cona é eso? ) o actual sistema, pero non cabe duda que haberá que trocalo. e canto antes se faga, mellor.
eu tamén coñezo xente na garda civil de tráfico e os mesmos axentes botan as mans a cabeza cando a autoridade política sae nos medios. conducir é un risco, é perigoso, e de esa perigosidade hai que concienciar a poboación xral dende canto antes mellor. vostede merca un coche que lle vai custar un riñón, que vai comer coma dous membros da familia, que lle vai xenerar unha serie de gastos en conceptos abusivos ( seguros, tasas municipais, multas, aparcamentos... ) dos que únicamente se van aproveitar os políticos que viven de exprimirnos. e non contento con eso, con actuar coma un auténtico masoquista, váise ferir ou matar por facer unha viaxe que para nada é necesaria.
hum, mal asunto. e como sempre, zapatero sorindo e quintana pendente dos maltratadores. ai que doló, ai que doló, ai que doló...

Tino #2 21/Agosto/2007 Tino

Como non imos ter pesimismo os galegos vendo como está a rede viária galega?
Fochancas por todo lado, estradas sen beirada de emerxéncia, treitos longuísimos sen posibilidade de adiantar durante quilómetros, estradas ,,nacionais" con mairia de treitos de 50km/h, accesos a autovias con tantas voltas q case chegas a destino pola antiga estrada...
Unha peniña!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: