Unha iniciativa mundial pretende que os blogueiros de todo o mundo se unan para difundir a idea da defensa do medio ambiente.
Imaxe promocional da campaña
O 15 de outubro é o Día de Acción Blogueira, un proxecto que naceu no ano 2007 por iniciativa de Collis e Cyan Ta'eed e mais Leo Babauta. A súa intención é que blogueiros de todo o mundo se unan para difundir unha idea que sirva para mellorar o futuro. Este primeiro ano será a defensa do ambiente.
Preténdese que o meirande número de persoas posíbel participe na acción, dun xeito ou doutro. Xa hai case 2.000 blogs anotados, que poden escoller entre incluír unha entrada relacionada co medio o 15 de outubro, ou tamén doar as ganancias dese día a unha organización ambiental e mesmo participar na promoción da iniciativa pola rede.
Segundo un dos impulsores da xornada, o blogueiro australiano Collis Ta'eed, a súa intención é demostrar o potencial e o poder que ten a comunidade blogueira, que está dispersa, mais constitúe unha unidade de enorme tamaño e diversidade. “Uníndonos todos por un día, podemos ver canto podemos acadar e canto nos podemos facer ouvir”.