Debido aos graves efectos ambientais, o Ministerio xa lle recomendou á empresa que busque alternativas fóra da Ribeira Sacra. O salto foi deseñado en plena Rede Natura e no corazón dos canóns do Sil.
Non hai aínda pronunciamento oficial sobre a viabilidade, malia que en resposta á deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, o Ministerio de Medio Ambiente avanzou que xa lle recomendou á empresa promotora, Iberdrola, que busque "novas alternativas" ao proxecto de aproveitamento hidroeléctrico que deseñara no concello ourensán de Parada do Sil.
O plan presentado pola empresa está aínda sendo sometido ao procedemento de impacto ambiental, obrigatorio antes de que a Confederación Hidrográfica do Norte decida a autorización. Xa que logo, o expediente resolveríase coa prohibición a Iberdrola para o despregue deste proxecto, toda vez que a avaliación realizada até o de agora acumula diversas posicións en contra da iniciativa. Así, o Ministerio conta xa cos informes negativos da Xunta e de varios colectivos ecoloxistas. "Tanto a Xunta como o resto dos consultados desaconsellaron a localización prevista para a central polos seus graves efectos ambientais", expresa a resposta do Ministerio á deputada nacionalista. Da documentación revisada, o goberno español recoñece que o proxecto "podería ter potenciais efectos ambientais sobre diferentes elementos do medio ambiente e sobre a paisaxe da Ribeira Sacra".
O Concello de Parado do Sil apoiaba o proxecto
Paradoxalmente, desde o Concello afectado por este salto eléctrico non se opoñían á iniciativa. Iberdrola proxectaba unha central de bombeo que estaría no embalse de Santo Estevo, e desde onde se elevaría a auga até un encoro artificial de 37,5 hectáreas, 800 m arriba do río na cima do canón. Dende aquí deixaríase caer por gravidade para turbinala e producir electricidade. Tanto o encoro como as quilométricas conducións subterráneas sitúanse nas ladeiras do Canón do Sil, Lugar de Interese Comunitario e espazo integrado na Rede Natura galega.
"Esta obra faraónica implica un importante movemento de terras e unha intervención profunda (e nunca mellor dito xa que furaría todo o macizo) nun espazo protexido, provocando un ferinte impacto paisaxístico nun lugar onde é precisamente a paisaxe o seu valor fundamental, foco de atracción turístico a nivel europeo", criticaban desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza.
Informe negativo para un aproveitamento hidroeléctrico no río Avia
Por outra parte, a Consellaría de Medio Ambiente informou este martes do informe negativo emitido sobre o proxecto presentado por Proener Ibérica Energías Renovables SA, que pretendía construír unha minicentral no río Avia ao paso polos municipios de Leiro e O Carballiño. O informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza sinala "os perigos que este proxecto tería para a fauna acuática e o ecosistema fluvial debido á insuficiencia de caudal e o cambio nas condicións de fluxo". Desde o departamento explican que a decisión vai na liña de "poñerlle freo á sobreexplotación dos ríos galegos".
So faltaba que lle deixaran!
Estas empresas veñen aqui a contaminar e destrozar a nosa paisaxe, practicamente non crean emprego, e logo levanse os beneficios fora.
Estou a falar deas hidraulicas, eolicas,etc.
Pois case lles deixan...
No Castro de Baroña tamén lle deixaban aos de Stolt Sea Farm facer unha piscifactoría de 300.000 metros cadrados a douscentos metros do castro celta. E si non fora polos veciños que se levantaron indignados, adiante ía.
E no Courel están os veciños a loitar para que no fagan canteiras a mansalva.
E en Seráns para que non fagan unha piscifactoría ao lado de terreos da Rede Natura... En el Quilmas...
Os que están loitando contra estes monstruos son os veciños, non o actual governo da Xunta que nestas materias non se diferencia moito do de Fraga.