Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cobizada pero complicada incorporación

Pereiro é de momento unha fichaxe inalcanzábel para o Karpin

Malia as especulacións, o de Mos non será xefe de filas da escuadra galega na tempada 2008. A opción probábel é que Pereiro repita co Caisse d'Epargne.

Redacción - 13:45 27/08/2007
Pereiro con seu fillo o ano que gañou o Tour

Pereiro con seu fillo o ano que gañou o Tour

Alén do esforzo económico a realizar polo equipo que o queira contratar, a incorporación de Óscar Pereiro ao Karpin Galicia afronta outras dificultades. A principal cancela sería o problema para que a formación ciclista galega poida participar no Tour. Despois de gañar a proba en 2006, e acumulando catro edicións seguidas clasificándose entre os dez primeiros, é difícil que Óscar Pereiro vaia renunciar á proba francesa en 2008 entrando nun equipo que non pode participar nesa carreira.

Xa que logo, segundo as regras estabelecidas agora mesmo na UCI ProTour, o Karpin non suma os puntos necesarios para ter acceso directo á rolda gala e é complicado que a curto prazo poida obter un dos convites antes de que os andeis do equipo comecen a sumar trofeos que consoliden a formación. Así, en principio Pereiro renunciaría ao Tour de fichar polo Karpin, non sendo que a dirección da carreira concedese unha invitación para o equipo galego en atención ao gañador, aínda non oficialmente recoñecido, do Tour 2006. Con todo, a crise aberta arredor do modelo UCI ProTour, con dúbidas sobre a súa continuidade o ano próximo, deixaría aberta a posibilidade de que o acceso ao Tour 2008 fose máis flexíbel á entrada do Karpin.

O equipo, preparado para facerlle sitio
No contorno do Karpin Galicia non disimulan o interese en contar con Pereiro. O mellor ciclista galego do momento é un obxectivo cobizado polo equipo técnico e os propios corredores verían con bos ollos a chegada dun líder de referencia coma o de Mos, co que manteñen unha excelente relación, mesmo compartindo adestramentos algúns deles con Pereiro no contorno da comarca viguesa.

O Karpin Galicia depende da Fundación Ciclismo Galego, entidade vencellada á Consellaría de Cultura e Deporte e que ten ademais como entidades promotoras á Consellaría de Innovación (a través de Galicia Calidade), a Fundación Deporte Galego, a Caixanova e ás empresas Valery karpin SL e Cardomar SL.

O exitoso balance da Fundación no seu primeiro treito de vida apunta con optimismo cara á novos retos. Non obstante, a entidade debería avaliar se pode afrontar a poxa por un Óscar Pereiro crecentemente cobizado por outras formacións ciclistas. A regularidade do ciclista, demostrada na proba máis importante, o Tour, é garante do interese de varias formacións por contar cos seus servizos. Nesa liña, un bo resultado de Pereiro na Vuelta que en poucos días sairá de Galiza podería mesmo incrementar as cifras en xogo na loita dos equipos pola súa contratación. Nese sentido, a Fundación veríase no dilema de avaliar se paga a pena neste momento o esforzo económico.

Toda vez que o balance do funcionamento deste primeiro ano é moi positivo no referido a promoción do deporte de base, divulgación e potenciación do ciclismo afeccionado, a institución adía de momento a poxa por Pereiro e opta por consolidar a formación actual do Karpin Galicia. Así, lembran que as especulacións aparecidas no diario Marca este luns non responden ao futuro inmediato subliñando que non haberá fichaxe de Pereiro este ano.

A opción máis próxima neste momento para o futuro de Óscar Pereiro é a renovación co Caisse d'Epargne. Malia os conflitos polo liderado do equipo neste Tour 2007, o galego tería garantías de maior liberdade nunha situación similar cara ao futuro. De momento, o equipo xa decidiu que Pereiro é o xefe de filas para esta Vuelta 2007.

Unha posibilidade "ilusionante" pero a longo prazo
En conversa con Vieiros o pasado mes de xullo, Óscar Pereiro recoñecía que a fichaxe polo Karpin Galicia aparece no abano de posibilidades abertas para o seu futuro, mais recoñecía non velo factíbel a curto prazo. "A día de hoxe competimos en niveis ben distintos e mentres eu poida andar nas grandes carreiras, aquí vou ficar", explicaba o de Mos, consciente do obstáculo que o Karpin aínda ten para acceder ao Tour.

E porén, insistía en relación ao Karpin que "oxalá algún día se crucen os nosos camiños". Nesa arela, Pereiro vía dúas posibilidades ou ben que o equipo galego "dea un paso de nivel", consolidando unha formación potente con acceso ás probas máis importantes, "ou que eu pretenda cambiar de vida, e relaxarme das competicións de elite na casa", indicaba o de Mos.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: