Esta é a cantidade que se terían gastado os 42.000 galegos que baixaron o paquete gratuíto de ter comprado o Microsoft Office
A versión en galego do paquete informático para a oficina máis popular do software libre, o OpenOffice, foi descargada máis de 40.000 veces en pouco máis dun mes. Así o indican datos de Mancomun.org, a iniciativa pública galega a prol dos programas abertos.
En concreto, entre o 10 de maio de 2006 e o 15 de xuño de 2007 o OpenOffice en galego e os paquetes para “traducilo” ao idioma do país foron instalados 42.678 veces.
O impacto real deste volume de descargas pódese entrever tendo en conta que o Microsoft Office -o principal rival de pago do OpenOffice- custa, nunha versión básica, uns 200 euros. É dicir, que se todas as persoas que descargaron o paquete de software libre tivesen comprado a suite de pago, Microsoft tería facturado en Galiza máis de 8 millóns de euros en pouco máis de 30 días.
Porque o Firefox en galego non despega?
O éxito do OpenOffice contrasta coa pouca difusión do Mozilla Firefox en galego. Segundo datos publicados na revista Díxitos do CESGA, unicamente 3.040 persoas descargaron a extensión que traduce o popular navegador, no mesmo período de tempo, entre o 10 de maio e o 15 de xuño deste ano.
Unha posíbel razón é que, en realidade, non existe un Firefox en galego, se nón unicamente un 'complemento' para traducilo. É dicir, primeiro cómpre instalar o navegador noutro idioma, e a continuación instalar o paquete idiomático que o traduce ao idioma do país.
Há que ter em conta e somar aos galegos/as que como o meu caso usamos o OpenOffice em português do Brasil ou de Portugal. O mesmo ocorre com o Firefox.
Dáme a impresión de que só se contan os usuarios de Firefox que usan o sistema operacional Windows. Algúns usuarios de Linux non necesitamos recorrer á páxina de descargas de Firefox senon que podemos instalalo co noso gestor de pacotes (apt-get, por ex.) e podemos escoller a lingua sen necesidade de instalar a extensión. Non sei se esta noticia conta tamén estes casos. Por outro lado, aínda que non probei esta versión e aínda que aprecio e valoro o esforzo que fan os colaboradores (entre os que me inclúo) que dedican o seu tempo a este tipo de traducións, estou bastante escarmentado da baixa calidade da localización a galego doutras versions deste e doutros navegadores, e por iso prefiro usar sempre a versión en portugués (a brasileira en xeral é mellor que a portuguesa) ou noutra lingua (en catalán son moi boas). Talvez neste caso debería darlle unha oportunidade mas tamén é posíbel que a baixa calidade sexa o motivo de que a xente prefira usalo noutra lingua. Outra posíbel causa podería ser a pouca difusión que se fai da localización a galego.
Acabo de ir á páxina de descargas do navegador Firefox en varias linguas e, efectivamente, ali non está en galego. Sen dúbida esa pode ser a principal causa de que a xente non o use en galego. Supoño que a extensión en galego se baixa de mancomun.org pero ignoro a razón pola que na páxina de Firefox non está o navegador en galego. Resúltame incomprensível.
http://www.mozilla.com/en-US/f...