Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Traballos da ARMH na comarca compostelá

Atopan os primeiros restos no foxo do Amenal

Na tarde deste martes, a Asociación da Recuperación da Memoria Histórica encontrou ósos humanos na foxa escavada preto do aeroporto compostelán.

Redacción - 09:30 29/08/2007

Coa presencia no lugar dalgúns dos parentes dos represaliados, o lugar da escavación confirmouse como unha das zonas do seu enterramento nunha foxa común en 1936.

Durante a mañá, arqueólogos e voluntarios traballaron na roza da área onde había testemuño do posíbel enterramento. Xa pola tarde, dividido en dous grupos, o equipo escavou coa axuda dunha escavadora e con pico e pala. Ás sete menos cuarto apareceu o primeiro óso, unha tibia dun dos cinco asasinados.

Unha ducia de asasinatos
O 20 de agosto de 1936 unha ducia de persoas detidas, entre eles nove concelleiros de Boimorto, foron divididas en dous grupos e trasladados a varios lugares onde os executaron extraxudicialmente.


A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, ARMH, localizou dous foxos. O primeiro na zona d'O Amenal, no Concello do Pino, moi preto do aeroporto compostelán de Lavacolla. Aló agardan recuperar os corpos de Isidro Filloi López (de Parabico), Andrés Filloi López (de Andabao), Ramón Vázquez Garea (de Cheda), Ramón Sánchez Rapela (de Orros) e Caitán das Quintas (de As Quintas).


A continuación, o equipo de arqueólogos dirixido por Javier Ortiz vaise trasladar até Ames, onde tamén coa axuda de voluntarios pasarán a exhumar os corpos de Manuel Espiñeira (de Bertomil), Ramón Enjamio Pombo (de Gándara), Antonio Felpete Budiño (de Os Curras), Juan Martínez Bao (de Boimorto), Xosé Tojo (de Cardeiro) e Xosé Barreiro Pérez (de Cardeiro).


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: