Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Detalle pendente de resolver

Os altos cargos poden renunciar ao polémico sobresoldo

Se os partidos así o acordan no desenvolvemento da lei, os beneficiados non ingresarían directamente o plus, senón que deberían solicitalo explicitamente.

Redacción - 09:30 30/08/2007

"Sería bo que iso fose así, e serviría para que cada un deles dese a cara ao respecto". Así o valora Xosé Manuel Viqueira, da CIG-Administración, en referencia ao posíbel desenvolvemento da norma que en pouco menos de vinte días entrará en vigor.

Deste xeito, cada un dos antigos deputados, alcaldes, directores xerais e demais vellos responsábeis políticos que desexen cobrar o sobresoldo vitalicio aprobado pola Xunta debería explicitamente solicitar o ingreso deses 15 mil euros anuais. De non facelo, o Goberno non lles ingresaría de oficio esa cantidade.

Outras formas de gratificación posíbeis
"Nós non estamos en contra de que se aumenten os salarios se consideran que deben facelo", explica Viqueira, indicando que o "inadmisíbel" é a medida estabelecida con carácter vitalicio e mesmo retroactivo que engordará as contas destas persoas "unha vez que xa deixaron esa responsabilidade" e se reintegren no corpo funcionarial na praza que xa ocupaban antes de acceder ao cargo. "Á volta sentarán á beira de compañeiros que farán o mesmo traballo sen cobrar eses 15 mil euros extra", expón Xosé Manuel Viqueira.

Valoran así desde o sindicato o que de momento é o único argumento esgrimido pola Xunta, que asegura que os altos cargos galegos están entre os que menos cobran de todo o Estado. "Só pensan no deles, sen fixarse no poder adquisitivo medio en Galiza", comenta o membro da CIG. Así, como xa publicou Vieiros esta semana, os altos cargos galegos están apenas cinco puntos por baixo da media de soldo dos altos cargos do resto do Estado. Segundo as cifras que manexa a propia Xunta, un director xeral chega en Galiza a case o 95% do soldo medio da maioría de directores xerais do contorno estatal. E porén, ese diferencial no poder adquisitivo queda significativamente por baixo no que lle toca á maioría dos traballadores galegos. Así, a media do salario queda en Galiza en arredor do 85% do soldo medio dun traballador no resto do Estado, fenda maior segundo o sector que se considere.


4.9/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: