Un blog analiza os fallos e os acertos de libros de hai décadas que prevían como sería a vida no século XXI.
Cando lemos libros ou vemos filmes de ciencia-ficción de hai anos que amosan o noso presente (o seu futuro) dun xeito ou ben moi avanzado ou ben apocalíptico, non podemos evitar un sorriso. Pero, ás veces, acertan. O proxecto Para que no se olviden, que reproduce en formato dixital as páxinas de libros educativos dos anos 70 e 80 que xa non se publican, permite rescatar xoias como El mundo del futuro, colección que analiza o século XXI dende a perspectiva de finais dos anos 70. No blog Tecnología obsoleta faise unha comparación entre o que se predicía daquela e o que aconteceu realmente, e sorprende ver que os autores non andaban moi desencamiñados.
O blogueiro Alejandro Polanco considera que algúns dos fallos se deben á mentalidade do momento, moi afectada pola recente crise do petróleo, que, co tempo, se converteu nunha constante. Só así se poden explicar as moitas referencias ás fontes de enerxía renovábeis, tan de moda hoxe en día, aínda que tamén hai unha preocupación pola escaseza de auga ou de espazos habitábeis.
Tamén sobresae o excesivo optimismo no avance da exploración espacial, a pesar de que o ser humano pisou a Lúa por última vez en 1972, e, máis ca nada, o feito de que ninguén prevía a desaparición do bloque soviético. Así, prevíase para a década dos 90 a construción dunha “granxa cósmica” da URSS nunha estación espacial.
Aínda que tampouco aparecen explicitamente fenómenos como a internet ou a telefonía móbil, actualmente imprescindíbeis, si se poden ver representados por unha rede de satélites e mais os curiosamente denominados “ristos”, ou radios de pulso. Aínda así, é cedo para valorar as previsións que se fan para o resto do século XXI, que segue a ser futuro para nós.