Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Acordo entre Cultura e Unipublic

O ciclismo de base terá un espazo reservado nas saídas e chegadas da Vuelta

Deportistas e adestradores vivirán en primeira liña as etapas en Vigo, Allariz, Compostela e Viveiro. Ademais, este venres terá lugar no parque de Castrelos a gala de presentación dos equipos.

Redacción - 17:30 30/08/2007

A Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral para o Deporte, e Unipublic -entidade organizadora da Vuelta a España- chegaron a un acordo para que os clubs de ciclismo de base do país dispoñan dunha zona reservada, moi preto das liñas de saída e de meta en cada etapa.

Os deportistas federados, adestradores e, especialmente, os nenos e nenas que forman a base do ciclismo galego contarán cun espazo reservado con capacidade para 100 persoas en Vigo e en Compostela, e para 50 en Allariz e Viveiro.

O acordo, que conta coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, pretende conseguir a implicación da sociedade galega na Vuelta, alén da súa importancia como evento deportivo e de proxección económica e turística.

Gala de presentación

Por outra banda, o parque vigués de Castrelos acolle este venres a partir das 19.30 horas a tradicional gala de presentación dos equipos, que por vez primeira contará cun equipo profesional galego. Está previsto que o acto, retransmitido por La 2 de TVE, congregue a máis de 2.000 persoas. Aínda se poden recoller invitacións de balde na Casa do Deporte de Vigo.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, intervirá en representación da Xunta para darlles a benvida aos 21 equipos que tomarán a saída o sábado no Porto de Vigo. No transcurso da Gala farase un percorrido por todas as etapas que conforman a Vuelta Ciclista 2007, e proxectarase o spot da Vuelta, rodado en Vigo.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: