Luar na Lubre, Espido, Mercedes Peón, Xabier Díaz e Uxía actuarán en Compostela, Vigo e A Coruña nun festival musical a prol do ensino da nosa lingua desde a primeira infancia.
Un festival servirá para promover a transmisión do galego como lingua materna. A Festa dos Axóuxeres, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, desenvolverase en Santiago, en Vigo e na Coruña. Serán tres concertos de grupos que participan no disco Cantos de arrolar, que se está a agasallar a todas as mulleres como parte da campaña Xeración e logo!
O martes 4 actuarán no Campus Sur de Compostela Luar na Lubre e Espido. En Vigo, o xoves 6 estarán Mercedes Peón e Xabier Díaz na praza da Estrela. O festival remata na Coruña o sábado 8, nos xardíns de Méndez Núñez, con Xabier Díaz e Uxía. As citas serán de balde e comezarán ás sete da tarde.
As actuacións están destinadas a toda a familia, e contarán tamén co humor de Miguel de Lira e a maxia do mago Romarís. Política Lingüística pretende levar a iniciativa no inverno ás vilas do país, aínda que cun formato diferente e en espazos pechados.
Todo isto non está de máis; mais, o esencial évos crear a cultura de que verbo do galego TAMÉN existen dereitos, obrigas e cargas: NA GALIZA NA SÚA LINGUA TERRITORIAL PROPIA COMA EN CASTELA NA SÚA, sen prexuízo de usarmos linguas alleas (nomeadamente o castelán cos membros doutras comunidades lingüísticas españolas mentres non sexa substituído por outra lingua de maior potencialidade interlingüística) con quen aínda descoñeza lexitimamente a lingua propia do territorio; e, con nulidade de pleno dereito dos actos realizados en infracción dos dereitos (e correlativas obrigas) lingüísticos.
Urxe elaborar unha lei que recolla con clareza os dereitos, obrigas e cargas de todos ó respecto: Lei de usos lingüísticos na Galiza.
Urxe asemade substituir o castelán como lingua común entre os membros das distintas comunidades lingüísticas españolas por outra que permita a comunicación lingüística directa entre o maior número posíbel de comunidades lingüísticas do mundo: lingua universal. E isto sen prexuízo de que cada individuo aprenda amais as linguas que mellor lle conveña.
O que non vos é de recibo é seguir cebando a crenza de que na Galiza cadaquén escolle desenvolver a súa vida na lingua OFICIAL que LIBREMENTE escolla (e se deixa de ser oficial o castelán?).
Muito boa ideia!