Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Non sae adiante o OOXML

A ISO rexeita o estándar de documentos de Microsoft

O comité técnico conxunto non lle deu os suficientes votos positivos á iniciativa.

Redacción - 11:25 05/09/2007

A Organización Internacional de Normalización (ISO) e a Comisión Electrotécnica Internacional (IEC) decidiron non aprobar que se considere estándar o formato de documentos OOXML, impulsado por Microsoft. A aprobación precisaba que polo menos dous terzos de votos positivos dos membros das organizacións e non máis dun cuarto de votos negativos do total de países participantes. Non se deu ningún dos dous requirimentos, pois só apoiaron a proposta o 53% dos membros do JTC1 (comité técnico conxunto da ISO e da IEC) e o 26% do total dos votos foron negativos.

O proceso de consulta comezara hai cinco meses en 104 países e estados do mundo que forman parte das dúas organizacións ou do comité técnico. O trámite, xestionado pola vía de urxencia, estivo rodeado de polémica, pois xurdiron diversos rumores de compra de votos por parte de Microsoft para conseguir que o seu formato se convertese en estándar de documentos ofimáticos.

Tamén existe un movemento en contra do OOXML, que consideraba que o candidato a estándar non cumpría as características que precisa unha norma universal.

De todos os xeitos, o camiño non remata aquí. En febreiro, o subcomité do ISO IEC JTC1 volverase reunir en Xenebra para analizar as propostas de reforma que poidan facer que os opositores reconsideren o seu voto negativo. Aínda que o resultado siga a ser desfavorábel, a candidatura pódese volver presentar seguindo o procedemento ordinario.

Xa existe un formato aprobado pola ISO, o Open Document (ODF), que empregan aplicacións como OpenOffice.org.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: