Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica lei na Galiza exterior

Suíza podería expulsar familias enteiras se algún membro comete un crime

A norma afectaría a decenas de milleiros de galegos residentes no país que non contan coa nacionalidade helvética.

Redacción - 18:05 06/09/2007
Cartaz usado polo SVP para promocionar a lei

Cartaz usado polo SVP para promocionar a lei

O partido maioritario no parlamento de Suíza, o Schweizerische Volkspartei (en alemán) ou Union Démocratique du Centre (en francés), SVP-UDC, de estrema-dereita, está a promover unha lei que permitiría a expulsión do país de familias enteiras -de nacionalidade non helvética-, de cometer algún dos seus membros un crime de carácter violento, relacionado con drogas ou de fraude financeira.

Segundo datos recentes do Censo de Residentes Ausentes (CERA), 30.445 galegos viven en Suíza, mais o número podería ser maior dado que este rexistro é voluntario e non ten en conta aos menores de 18 anos. Máis dun 20% da poboación do país carece da nacionalidade suíza; a maioría leva a vivir moitos anos no país, e ao redor dun terzo xa naceu alí.

Conseguir a cidadanía suíza é moi complexo e mesmo nacer no país non dá dereito a ela, aínda no caso de netos de inmigrantes, xa que o solicitante está obrigado a vivir alí ininterrompidamente durante doce anos antes de podela solicitar e, posteriormente, cumprir cunha serie de diferentes trámites dependendo de cada cantón, segundo informan na embaixada de Suíza no Estado español.

Polémico cartaz

Un dos elementos que máis polémica está a crear, fóra da norma en si, é o cartaz empregado polo SVP para promocionar a nova lei. A imaxe representa tres ovellas brancas na que unha destas despraza coa pata outra negra fóra da superficie na que se atopan, unha bandeira suíza.


Os cartaces estarán pendurados por todo o país deica as eleccións xerais, previstas para finais de outubro, que o SVP afronta con moi boas perspectivas, segundo as enquisas. Cómpre lembrar que o sistema lexislativo suízo contempla a posibilidade de que os cidadáns rexeiten unha lei aprobada polo parlamento se son quen de xuntar 50.000 sinaturas en cen días.

Asociacións de emigrantes, partidos de esquerdas e as Nacións Unidas xa amosaron o seu malestar pola ilustración, a que cualifican de racista. Outros como os grupos xudeus salientan o simbolismo do cartaz e a reminiscencia da propaganda nazi que mesmo as súas cores provocan.


4,33/5 (6 votos)


Comentarios (7)

BonKarallan #1 6/Setembro/2007 BonKarallan

Igualiño que quere facer César Vidal cos inmigrantes en Espanha.

Así naceu o pecado orixinal segundo a Igrexia Católica, Apostólica e Romana á cal, por certo, non pertence César Vidal que é protestante, pero non creo que dubiden en admitilo por recomendación da COPE.

BonKarallan #2 6/Setembro/2007 BonKarallan

Haberá que ver que tipo de crime.

Se o crime comételo noutro país, por exemplo, en España, Marbella, e lévasche todo o diñeiro roubado ao pobo, aos seus Bancos, non só non che expulsan, senón que che pon unha casa a tí e a toda a túa familia.

ecoe #3 6/Setembro/2007 ecoe

o cartaz que usan xa é significativo de abondo da clase de xustiza que impera alí, segredo bancario incluído

outrolector #4 7/Setembro/2007 outrolector

Non ne extraña nadiña. É un dos países máis clasistas e racistas e, sen lle dar moitas voltas, noxentos, do continente.

O mellor que poden facer os emigrantes que alí estean é abrir os ollos, ter dignidade, e procurar volver a Galiza.

guillerme #5 7/Setembro/2007 guillerme

Os estranxeiros deben estar no país só para traballar e gañar cartos polo que estou totalmente dacordo con que tomen medidas drásticas cos estranxeiros (xa que estes permíteselles estar para traballar e mellorar o país e non o contrario).

Ademais creo que os galegos residentes en Suíza deberían volver ao seu país, xa que ao fin e ao cabo, esta é a súa patria e é unha pena que non volvan.

ecoe #6 7/Setembro/2007 ecoe

Quédanse por gosto, porque aman as alturas e a paisaxe de montana xoven, como a alpina, que eiquí non teñen. Uns snobs, vamos. É que che hai galegos para todo e con uns gostos...

Lástima que alí, como aquí vai sendo tamén, por mor do "progreso", estén máis protexidos ca lexislación os cans que os inmigrantes. Lóxico: os cans NON SON EXTRANXEIROS!

Barcelos #7 9/Setembro/2007 Barcelos

Racistas. Mira que expulsar a ovelha negra...

E aínda din que os estranxeiros abusamos da sua hospitalidade. A cruz da sua bandeira é a cruz da Inquisición.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: