A plataforma entrega na Xunta 21.000 sinaturas para que declare a zona parque natural.
SOS Courel pasarán media mañá no Rexistro Xeral da Xunta para introduciren as 21.000 sinaturas conseguidas logo de varios meses de campaña a prol da declaración do Courel como parque natural. "Se cadra acaparamos aos funcionarios por unhas horas, pero facémolo con boa vontade", di Xosé Ramón Rodríguez Río, un dos membros da plataforma que entregará a documentación.
"É un volume considerábel, xa que para un proxecto de lei son necesarias tan só 15.000 sinaturas. É necesario que o Courel se desenvolva como parque natural para que non desapareza". Rodríguez amosou tamén a satisfacción pola boa resposta da cidadanía: "a escoita foi formidábel, por parte de moitas persoas de toda Galiza. O Courel é coñecido e querido, e somos conscientes de que é indispensábel, de que non podemos deixar que se destrúa o patrimonio. É un investimento para o futuro".
"Para a Xunta, e mesmo para os investidores, isto tiña que ser un desafío persoal", afirma Rodríguez: "imos facer algo importante para os galegos, algo viábel que teña proveito. Só temos miniparques naturais en Galiza, é hora de defendermos unha zona que ten unha dimensión e certo interese".
Historia dunha loita
O Courel foi incluído na Rede Natura no 2000, pero cando a Asociación Ecoloxista e Cultural SOS Courel fixo unha primeira campaña no outono do 2004 para a súa conversión en parque natural, a proposta da Xunta, na primavera do ano seguinte, non tiña en conta todo o sur, a ladeira leste, coas cuncas do Pacios e Vilarbacú, onde xa traballan cinco canteiras de pizarra, a oeste, cunca do Ferreiriño, e a metade sur da cunca do Lor.
No 2007/2008, o Courel é declarado Parque Natural con maior extensión cara ao norte, pero sen incluír o sur, que segue a ser pasto de canteiras. Como apuntan na organización, pola Lei de Ordenación da Minaría de Galicia, Folgoso do Courel será declarado Concello Mineiro (artigo 46, páxina 28).
Darlle prioridade ao interese mineiro sobre o ambiental neste caso supón deturpar unha zona bioxeográfica Mediterránea no interior da Atlántica, cunha enorme riqueza de fauna e flora. A inminente legalización da canteira "La Campa", cercada polos ríos Lor e Loruda, por varios núcleos de poboación, pola estrada LU-651, polo souto de Santa Eufemia e no medio dun Espazo Natural, foi o punto de partida para unha ciberacción que xa conseguiu a mobilización e o compromiso de 21.000 persoas.
Animo a SOS COUREL polo que están facendo en beneficio de todos.Visito o Courel varias veces no ano e lamentable o avance imparable das canteiras.Xa sei que hai que protexer os postos de traballo pero si o Courel fose parque nacional o estilo de Somiedo por exemplo(canto temos que aprender de Asturias no respecto do medio ambiente)estes traballadores das canteiras seguro que terían traballo mantendo e vixiando a Serra.
Solidaridade con SOS CAUREL. Agardaremos que o bipartito se estremeza cando lle cheguen as 21.000 sinaturas e teñan en conta esta zona galega con moito interese para o medio natural. Discrepo un pouco con JOSEGALAICO que se ben os asturianos manteñen os espazos considerados reservas da biosfera: Muniellos, Somiedo e Redes, tamén "permiten" outras cousas como a explotación a ceo aberto en Tormaleo (Ibias) que non só fura o monte, tamén verte merda o rio Ibias algunhas veces e non é máis que escombro que deixa o carbón ó lavalo.