Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presupostos Xerais do Estado

O BNG esixirá o 8% do orzamento de 2008 para darlle o seu apoio a Zapatero

Alerta dunha "pequena fraude" xa que, con respecto á etapa do PP, o investimento sobe mais "non todo el se executa", e pide unha rede ferroviaria de proximidades.

Redacción - 18:32 10/09/2007
Rodríguez, este luns en Compostela

Rodríguez, este luns en Compostela

O voceiro do BNG no parlamento español, Francisco Rodríguez, anunciou este luns en Compostela que para que os nacionalistas lle dean o seu apoio aos Presupostos Xerais do Estado (PXE) de 2008 reclamarán que o ritmo de investimento creza en termos similares á anterior negociación, cando Galiza recibiu 259 millóns máis que en 2006 e alcanzou os 1.754 millóns.

Neste senso, aínda que non quixo dar unha cifra concreta porque se descoñece o montante total das contas, afirmou que debe "medrar moito" e superar o 8% do total, sen incluír o gasto militar. Porén, alertou dunha "pequena fraude" porque, con respecto á etapa do PP, sobe o investimento mais "non se executa todo". "En 2006 non se chegou ao 80%", remarcou.

Ademais, Rodríguez considerou "condición sine qua non" para o apoio do BNG aos PXE que as obras do AVE comecen en 2008, algo imprescindíbel para que, tal e como se comprometeron os Executivos español e galego, a alta velocidade chegue ao país en 2012.

Rede de proximidades

Tamén, incidiu na necesidade de que se implante en Galiza unha rede de proximidades que enlace Vigo con Pontevedra; A Coruña con Betanzos e Ferrol; e Compostela con Vilagarcía de Arousa. Rodríguez, que esta cuarta feira manterá unha xuntanza co ministro español de Economía, Pedro Solbes, lamentou que Galiza sexa "a única comunidade costeira que carece deste servizo".

Xa que logo, reclamou que se destine unha partida para persoal e vehículos, de modo que, unha vez posto en marcha, se transfiran as competencias á Xunta, tal e como anunciou o goberno de Rodríguez Zapatero que fará coas autonomías que xa contan con proximidades.

Ademais, o deputado nacionalista detallou que "debería haber polo menos unha conexión cada media hora" entre as mencionadas localidades, que actualmente están enlazadas mediante trens rexionais. Tamén recordou que xa existe un estudo para a implantación deste servizo na área metropolitana da Coruña, froito da negociación dos PXE do presente exercicio.

Desenvolvemento rural e Castelo de Monterrei

Outros dos proxectos que condicionarán o apoio do BNG aos PXE son a sinatura de convenios á marxe da inversión territorializada, para levar a cabo proxectos de desenvolvemento rural, de aplicación da Lei de Dependencia e para a innovación tecnolóxica.

Por último, Francisco Rodríguez engadiu que se esixirá que a titularidade do Castelo de Monterrei sexa transferida á Xunta e que se afronten obras de saneamentos e abastecemento de augas en Pontevedra, en Vigo e en Compostela, entre outras actuacións.

O voceiro nacionalista cre que o BNG está mellor posicionado que en anteriores negociacións porque o goberno español precisa do seu apoio "máis ca nunca". Nesta liña, amosouse "seguro" de que as súas reivindicacións terán cabida nos presupostos, xa que, ao seu xuízo, son reclamacións "asumíbeis".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: