A súa intención é trazar a 'folla de ruta' cara a esta, un fito que segundo din ha chegar "en todo caso, denantes de 2014".
Un momento do acto de presentación / Foto: Vilaweb
O Cercle d'Estudis Sobiranistes, que presiden o maxistrado e vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) Alfons López Tena e o escritor e profesor de dereito Hèctor López Bofill, presentou este luns en Barcelona o seu manifesto pola autodeterminación de Cataluña.
O Cercle reúne intelectuais e profesionais que consideran que "a vía autonomista está esgotada" e que "non hai máis saída que a independencia". A súa intención é a de trazar a 'folla de ruta' cara a esta, un fito, din, que ha chegar "en todo caso, denantes de 2014".
No acto de presentación, López Tena fixo unha defensa entusiasta dos novos cataláns. "Os independentistas non teñen que ir contra España, senón a prol de Cataluña: Eu son fillo de andaluz. Aprecio España e a lingua castelá. Mais España non é o meu país. Era o país do meu pai. Pero non é o meu".
Tamén estivo presente o deputado do Partido Nacionalista Escocés (SNP) Therry Gibson quen se mostrou convencido de que os cataláns de orixe andaluza ou castelán tamén se beneficiarían do proceso. "Chegou a hora da independencia. Non vexo ningunha razón pola cal Cataluña non poida ser un estado independente", concluíu.
Poden ampliar a información e descargar o manifesto en Vilaweb.