Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Cristina Fernández Piñeiro, a primeira árbitra da Asobal e primeira internacional

"Na arbitraxe do balonmán non se limita a participación da muller"

O pasado domingo arbitrou o seu último partido na primeira división do balonmán estatal, o que foi a súa despedida. No entanto, agora vai traballar para o Deporte Galego.

Redacción - 10:24 16/09/2007
Cristina Fernández, no momento de ser homenaxeada

Cristina Fernández, no momento de ser homenaxeada

A viguesa despediuse da arbitraxe a pasada fin de semana, nunha final da Supercopa que enfrontaba ao Ciudad Real e ao Barça -que gañaron os primeiros.

O mundo do balonmán quixo facerlle daquela unha pequena homenaxe á árbitra galega, á que asistiron a directora xeral para o Deporte, Marta Souto -con quen vai colaborar dende agora, no seu gabinete-, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Luís Pérez Ouro.

Foron 27 anos completos dedicados á arbitraxe, dende que cumpriu os 17 anos até agora, a punto de chegar aos 44. Cristina Fernández lémbraos sempre como unha época moi feliz, na que realmente fixo o que quería facer.

A árbitra galega falou con Vieiros e contounos un bocadiño da súa vida dedicada ao balonmán, e un chisco dos proxectos que vai desenvolver dende agora, sempre relacionados co deporte galego.

Cando comezou a xogar ao balonmán?
A xogar realmente comecei no colexio, onde tiven a sorte de ter unha formación multideportiva; practicabamos varios deportes, entre eles o balonmán, que foi co que máis me identifiquei. Mentres estiven na escola, en Gondomar, participaba en competicións escolares. Despois xa comecei a xogar federada, no colexio Chouzo de Vigo -agora Emilia Pardo Bazán-. Naquela altura tiña 13 anos. O Chouzo daba unha formación completa e levaba aos alumnos a competicións a nivel estatal. Daquela, sendo xuvenil, chegamos a ser co equipo terceiras no campionato estatal, en Ciudad Real, e mesmo xoguei na Selección Española de Promesas.

E cando comezou a arbitrar?

Pois estiven xogando e mais arbitrando categorías base a un tempo, dos 17 aos 20 anos. No 1983, tendo 20 anos, propuxéronme para arbitrar en 1ª Nacional e daquela tiven que decidir se seguir xogando ou deixalo todo pola arbitraxe: non podía ser xuíz e parte. Entón pensei que na arbitraxe podía botar máis anos que xogando, e acertei! -estou a piques de chegar aos 44 anos. Tamén pensei daquela "malo será que non chegue a arbitrar en División de Honra". A verdade é que estou moi leda de ter escollido a arbitraxe. Non lembro os malos momentos, que os houbo, senón todos os bos. Fun moi feliz porque fixen o que me gustaba.

E daquela, por que se retira agora?

A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, propúxome para ocupar un posto no seu gabinete como asesora, o que me ía deixar pouco tempo para a arbitraxe. Ademais, estou nunha idade achegada á do retiro -os árbitros xubílanse aos 50 anos-, mais eu nunca pensei en esgotar esta etapa, e penso que marcho con todos os meus obxectivos deportivos cumpridos.

A que idade comezou a arbitrar na División de Honra?

Levo arbitrando na División de Honra do Balonmán estatal, na Liga Asobal, dende os 27 anos, dende o 88. Estiven 19 anos arbitrando en 1ª, e 16 anos sendo árbitra internacional, nas grandes competicións.

É un mundo duro, non é?

É duro, pero non o é tanto como pode ser o fútbol, por exemplo. Hai 27 anos era máis complicado ir arbitrando polas vilas e aldeas, onde o equipo local xogaba o ascenso. En canto ao de ser unha muller, a única, non foi tan duro nun mundo de homes. Agora hai outra muller arbitrando en 1ª, e tardou 18 anos en ascender. Non hai un elevado número de mulleres a arbitrar no balonmán estatal e internacional nas primeiras categorías, pero non é por unha cuestión discriminatoria, senón porque teñen que ascender os que teñen que ascender. Agora mesmo, ademais da única muller que arbitra en primeira, hai unhas catro en División de Honra B, moi boas. Están as que aí queren estar. Na arbitraxe do balonmán non se limita a participación da muller.

Cal vai ser dende agora o seu traballo no Deporte Galego?
Estou xa a traballar de asesora do gabinete de Marta Souto e dedícome, sobre todo, a recoller información imprescindíbel para o bon funcionamento deste. Traballo tamén na organización e coordinación de eventos deportivos e noutras actividades desenvolvidas dende Deporte.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cristina Ferbández, acompañada de Marta Souto, Carme Adán e José Luis Pérez Ouro na homenaxe do domingo
Cristina Ferbández, acompañada de Marta Souto, Carme Adán e José Luis Pérez Ouro na homenaxe do domingo
Outro momento da homenaxe á primeira árbitra da liga Asobal, e primeira internacional
Outro momento da homenaxe á primeira árbitra da liga Asobal, e primeira internacional