Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
VERDEGAIA ACUSA A FINSA E AO CONCELLO

A contaminación do aire en Santiago supera o límite legal

A Xunta di que é porque a estación de control está preto dun garaxe, estación que trasladará ao Campus. Os ecoloxistas négano e alertan de doenzas pulmonares.

M. Vilas - 12:01 14/09/2007
Fábrica de Finsa / Foto: Finsa

Fábrica de Finsa / Foto: Finsa

Os ecoloxistas de Verdegaia alertan que a contaminación do aire en Santiago supera os límites legais, o que pode causar doenzas -bronquite e outras enfirmidades pulmonares e cardíacas. Destaca o feito que a denuncia esta baseada en datos oficiais, recollidos por estacións da Consellería de Medio Ambiente.

Verdegaia sinala que a estación situada no Ensanche, na Praza de Vigo, recolleu ata un 50% máis do dióxido de nitróxeno, segundo un informe sobre a calidade do aire en 2006 que se pode ler na web da Xunta.


Levar a estación ao Campus Sur?

A Consellería explicou a Vieiros que os alarmantes niveis de contaminación débense a que “a estación está situada nunha zona de moito tráfico e preto da saída de aire dun garaxe”. Por iso, “para obter uns datos que sexan fiables”, a Xunta vai trasladar a estación ao Campus Sur.

Xosé Beiras, o coordinador de Verdegaia, sospeita das explicacións da Xunta, sobre todo porque que a estación só leva dous anos na Praza de Vigo. Para Beiras, a contaminación débese ao “exceso de tráfico” e non a inadecuada situación do aparello. Beiras sinala ao Concello de Santiago como “principal responsábel” por “non facer nada para reducir o tráfico na cidade”.

Os datos diarios en liña
En Galicia nunca se superaron os niveis legais” defende un voceiro da Xunta, malia que Verdegaia basea a súa denuncia en datos da propia Consellería. Dende a administración indícase que, en todo caso, na Coruña e en Vigo habería máis contaminación que en Compostela por ter máis poboación.

Para tranquilizar aos cidadáns, dende Medioambiente animan a comprobar en liña os datos diarios de calidade do aire.

Sen explicación sobre os datos de Finsa
O outro foco que fai superar os niveis legais, segundo os ecoloxistas, é a madeireira Finsa, que verte “partículas sólidas inferiores a 10 micras, as máis prexudiciais para a saúde humana”. Consultada por Vieiros, a Xunta non ofreceu ningunha explicación sobre os alarmantes niveis captados nas estacións próximas a Finsa, malia recordar que as industrias deben superar un exame ambiental.

Precisamente, Verdegaia esixe á Xunta que “non outorgue a FINSA a autorización ambiental integrada” que necesita para seguir traballando sen non reduce as emisións. Os ecoloxistas recordan que “numerosos estudos epidemiolóxicos realizados en diversos países amosaron unha relación entre os niveis das partículas sólidas e as doenzas pulmonares e cardíacas”.


4,73/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: