Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Histórico documento

A ONU aproba a Declaración de Dereitos dos Pobos Indíxenas

Tras vinte anos de debates, o texto -aínda que non é vinculante- estabelece os parámetros para que estes conserven a súa cultura e a súa identidade.

Redacción - 12:46 14/09/2007
O texto incide na importancia da educación bilingüe e no benestar de mulleres, nenos e anciáns

O texto incide na importancia da educación bilingüe e no benestar de mulleres, nenos e anciáns

A Asemblea Xeral da ONU aprobou esta quinta feira a Declaración de Dereitos dos Pobos Indíxenas, que amparará ás máis de 370 millóns de persoas no mundo. O texto, subscrito tras dúas décadas de negociacións, foi ratificado con 143 votos a favor, once abstencións e catro votos en contra, os de EUA, Canadá, Nova Celandia e Australia.

O documento, que non é xuridicamente vinculante, consta de 46 artigos e estabelece os parámetros que permiten ás poboacións indíxenas conservar a súa cultura e a súa identidade. Entre estes se inclúen o dereito á autodeterminación e o respecto á propiedade das terras onde se asentan e ao uso dos seus recursos.

Ademais, saliéntase a importancia da educación bilingüe e á necesidade de tomar medidas que contribúan ao benestar de mulleres, nenos e anciáns.

Oposición ao texto
Os países opostos á proposta sinalaron que non podían apoiala porque entraba en conflito coas súas lexislacións nacionais e cos principios do sistema democrático. Un dos aspectos máis polémicos do texto foi o referido á protección xurídica que os estados están na obriga de darlle ao lugar onde viven os indíxenas.

De acordo co documento, non se poderá tomar ningunha decisión con respecto ás terras "sen o consentimento libre, previo e informado dos pobos indíxenas interesados, nin sen un acordo previo sobre unha indemnización xusta e equitativa".

"Desafortunadamente as provisións con respecto ao tema da terra préstanse a unha variedade de interpretacións (...) e cuestionan aspectos que se estabeleceron con anterioridade", afirmou o embaixador canadense John McNee.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: