Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Preséntase o documental 'O Novo Emden'

Trinta anos de rebelde epopea meca contados nun filme

Esta quinta preséntase O Novo Emden, unha longametraxe que conta o periplo que viviron 17 homes e un rapaz a bordo dun pesqueiro do Grove, fuxindo do fascismo.

Redacción - 11:10 19/09/2007
Capa do filme 'O Novo Endem', de Saga TV

Capa do filme 'O Novo Endem', de Saga TV

A vindeira quinta feira, polas 20:00 horas preséntase O Novo Emden, unha longa que afonda na viaxe da embarcación Nuevo Emden e dos seus 18 tripulantes ao longo de 30 anos da historia do século XX. O filme estrearase no Cine Marino do Grove, e a el asistirán algúns dos actores e actrices mecos que deron vida aos tripulantes do Nuevo Emden. Entre eles tamén vai estar o único supervivente desta aventura mariña, Arturo Meis, que embarcara no Emden sendo un rapaz.

El Nuevo Emden abandonou O Grove en 1937, en plena Guerra Civil, para ir á costeira do bonito, mais nunca non voltou en 30 anos, tempo no que percorreu un traxecto que o levaría de Bretaña até América Central, parando polo medio en moitos peiraos de moitos países. A historia que se forxou navegando polo século XX preséntase agora, producida por Saga TV en coprodución coa Xunta e a Galega, ante o gran público.

Como din dende a produtora, esta historia fala da "busca que fan os mecos, habitantes de O Grove, para recuperar unha memoria esquecida". Saga TV contou con tres actores afeccionados grovenses, que personifican esta busca: Atenea Fernández, Jacobo Otero e David Otero traballan en O Novo Emden como investigadores da memoria, tentando achegar ao presente esta epopea. Deste xeito, segundo contan os realizadores do documental, "actualidade e historia vense mesturadas nun todo case psicoanalítico, que leva implícita unha reflexión sobre o esquecemento do pasado, e, en definitiva, da memoria".

Uns mariñeiros "en rebeldía"

Os documentos da causa militar aberta polos fascistas aos tripulantes do Nuevo Emden en "rebeldía", xunto coas memorias manuscritas do copropietario do barco, son a base sobre a que se desenvolve este filme, no que tamén aparece Arturo Meis, aquel que marchou no Emden sendo un rapaz, e que agora, dende Miami, lembra unha aventura vital "de tintas homéricos".

2 anos de traballo para contar 30 anos de vida
Neste documental traballouse 2 anos seguidos, facendo pesquisas en Francia, EUA e o estado español, nunha fonda labor de documentación. O director do filme, Marcos Gallego, fala tamén do "interese que o tema da memoria suscita hoxe en día nos galegos", que, após moitos anos de esquecemento, comezan a "mostrar unha inquedanza activa pola recuperación do seu pasado máis recente".

O Novo Emden é o segundo documental de Saga TV na liña da investigación e recuperación da nosa memoria histórica. A labor de documentación e guión foi desenvolvida pola xornalista e actriz Comba Campoy e a banda de son orixinal composta polo mestre Manuel Ribeiro.


Ligazóns

4,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O periplo do Nuevo Endem / Facilitado por: http://www.culturamaritima.org/
O periplo do Nuevo Endem / Facilitado por: http://www.culturamaritima.org/