Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estará plenamente implantado no 2009

Cen mil persoas en situación de dependencia poderán beneficiarse do 065

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, presentaron o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal.

Redacción - 18:11 17/09/2007

Un "proxecto rompedor e pioneiro para colocar a Galiza na primeira liña da innovación en materia de recursos para a dependencia", segundo o vicepresidente da Xunta, bota a andar neste trimestre do ano. A creación desta rede pública foi aprobada no Consello da Xunta o xoves pasado: a súa posta en marcha facilitará o desprazamento programado e non urxente das persoas con problemas de mobilidade, nas mellores condicións de seguridade posíbeis e co apoio de persoal de acompañamento.

O chamado 065 nace cun triplo obxectivo: en primeiro lugar, normalización, ao permitir o acceso das persoas con dependencia ou discapacidade aos servizos e recursos sociais promoción da autonomía persoal e integración social dos seus beneficiarios. En segundo lugar, fomenta a autonomía persoal ao poñer ao dispor dos usuarios os recursos de apoio. E por último, ten como fin a integración social, ao estabelecer unha estratexia pública de compensación territorial, de xeito que o acceso sexa o mesmo para todas as persoas, vivan onde vivan.

A prestación deste servizo depende dunha serie de prioridades: a necesidade de acudir a consultas ou tratamentos sanitarios do sistema público, o traslado a residencias, centros de día, etc., ou a centros que non teñan ese carácter de aloxamento, mais aos que deben acudir como usuarios, realizar actividades relacionadas coa vida diaria autónoma, ou a asistencia a actividades de carácter educativo ou formativo. Para acceder a el cómpre ter recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus graos, un grao de discapacidade superior ao 65 %, ou dificultades para a mobilidade.

Condicións e trámites

O servizo será de balde para persoas con ingresos iguais ou inferiores ao 75% do IPREM. As demais deben abonar unha contraprestación: no 2007, 1,40 euros o quilómetro, restándoselle a porcentaxe de desconto estabelecida na resolución que outorga a condición de persoa usuaria, en función da súa capacidade económica persoal.

E para acceder a este servizo, cómpre presentar a solicitude na delegación provincial da Vicepresidencia. Logo de ser valoradas segundo un baremo, as solicitudes resolveranse nun prazo máximo de seis meses. Unha vez que a persoa solicitante é usuaria, recibe a súa tarxeta identificativa que funciona tamén como tarxeta prepago.

Implantación do proceso

Para pórse en marcha o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal, botará a andar un dispositivo integral que abrangue a Central de Control e Xestión de Chamadas, a flota de unidades móbiles, a implantación da tarxeta chip da persoa usuaria, e o persoal de atención e servizo entre condutores, monitores acompañantes e teleoperadores. Neste senso, prevese a creación de 1.000 postos de traballo.

A planificación da implantación está estruturada en 61 áreas territoriais identificadas no mapa galego de servizos sociais, que distingue áreas urbanas, metropolitanas, semiurbanas, rurais concentradas e rurais dispersas, e atenden a parámetros de necesidade, demanda potencial e equilibrio territorial. Para isto téñense en conta a superficie de cada área e a dispersión da poboación dentro delas, e canta desa poboación é maior de 65 anos.

Agárdase que o servizo funcione con normalidade en todo o territorio galego para o 2009. Para isto pénsase nun proceso gradual en tres fases: na primeira, correspondente ao trimestre que resta de ano, actuaríase nas áreas rurais de elevada dispersión, 15 rurais concentradas, 4 semiurbanas e 1 área metropolitana, contando con 66 vehículos. A segunda, no 2008, repercutiría en 12 áreas rurais, 5 semiurbanas e 3 metropolitanas, até chegar aos 159 vehículos. e xa para o 2009 quérese chegar á plena implantación, coas 8 áreas rurais que restan e as 7 grandes cidades, cunha flota de 281 vehículos. Fálase tamén de 100.000 usuarios potenciais, e a posibilidade de oito millóns de desprazamentos.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: