Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Plan de fomento do alugueiro

O prezo do alugueiro subiu un 20% dende o último plan de axudas directas

Vivenda alerta de que o plan anunciado por Zapatero pode ter un efecto inflacionista -como sucedeu coa extinguida Bolsa de Alugueiro- se non se estabelecen mecanismos de control.

Redacción - 19:15 19/09/2007

A conselleira de Vivenda e Solo, a nacionalista Teresa Táboas, amosou a súa confianza en que as medidas anunciadas polo goberno español inclúan os adecuados mecanismos de control para evitar que se incremente o prezo do alugueiro en Galiza, como xa sucedeu con medidas similares.

En declaracións á Radio Galega, Táboas dixo descoñecer como vai ser executada e como encaixará co programa posto en marcha pola consellería e coa aplicación do Plan de Vivenda 2005-2008.

Neste senso, explicou que o pasado xoves houbo unha reunión entre a ministra de Vivenda e os seus homólogos das comunidades autónomas, onde non houbo ningunha explicación das medidas agora anunciadas, malia que Galiza ten transferidas as competencias nesta materia dende 1982.

Táboas salientou a aposta decidida da consellaría polo alugueiro mais, a espera de coñecer os pormenores das medidas do Ministerio, amosou as súas reservas sobre a concesión de axudas directas a fondo perdido "porque poden xerar un efecto inflacionista, senón se establecen cos necesarios mecanismos de control".

Así, lembrou que Galiza coñece os problemas deste tipo de medidas, que no pasado provocaron un incremento do prezo do alugueiro do 20% nas grandes cidades a través da concesión de axudas públicas directas ao inquilino sen mecanismos de control, como sucedía coa extinguida Bolsa de Alugueiro e agora logrouse reducir até o 2,8%.

Diferenzas entre o plan da Xunta e o estatal

O Programa de Vivenda en Alugueiro da Xunta, que entrou en vigor en febreiro de 2006, financia 3.200 familias con ingresos non superiores a 1.200 euros mensuais e que, segundo informan dende Vivenda, conta con rigorosas medidas de control para evitar a suba dos prezos.

En concreto, as axudas directas contemplan até 240 euros mensuais en función da renda durante un máximo de cinco anos, polos 210 en catro anos anunciados polo goberno español. A idade máxima no caso destas axudas é de 35 anos, por 30 da nova medida estatal.

Ademais, o plan galego de fomento de alugueiro esixe que o prezo máximo mensual das vivendas que entran no programa sexa de 450 euros e que leven baleiras seis meses co fin de mobilizar a vivenda desocupada.

Tampouco teñen que subscribir un aval, xa que é a consellería quen asume ese custe fronte ao propietario, mentres que o plan estatal prevé un préstamo de até 600 euros para este fin.


5/5 (5 votos)

Comentarios (3)

Gaviotero #1 20/Setembro/2007 Gaviotero

Zapatero...¡siempre jodiendo!

Pero que no cunda el pánico, esta es una medida puramente electoralista que no se va a llevar a cabo, como la prometida ampliación de los cien euros mensuales a las madres para todas las madres (y no sólo para las trabajadoras, como propuso e implantó en su día el PP).

Jamás se llevó a cabo dicha ampliación pese a que se prometió ya hace 4 años.

teixugo #2 20/Setembro/2007 teixugo

Ninhada de ratos!!!!!!!!!

carlosroca #3 20/Setembro/2007 carlosroca

Artigo de opinión de Carlos Aymerich sobre as novas axudas ao aluguer de vivenda do goberno estatal

O portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, analiza neste artigo de opinión as posíbeis consecuencias da axuda anunciada polo goberno estatal para o aluguer de vivendas de mozos/as

EMANCIPACIÓN E MOBILIDADE XUVENIL

Todos os que sen sermos composteláns estudamos na universidade de Santiago lembramos como se fixaba o prezo dos pisos para estudantes, procedimento ben diferente a aquela mán invisíbel á que seguen a apelar, tamén en materia inmobiliaria, os apoloxetas do mercado: o prezo do aluguer, pago normalmente en negro, era igual ao número de estudantes que cabían no piso multiplicado pola cantidade que, a xuízo do propietario, estaba disposto a pagar cada un deles. A tal man era, como se ve, ben visíbel ainda que algúns reitores non se desen por enteirados. Xa dixera o reitor Pajares que a Universidade non é unha axencia inmobiliaria.
O mesmo sucede no mercado do solo. En xuño de 1996, aos escasos tres meses de chegar ao goberno, o primeiro gabinete de Aznar aprobou un Decreto-lei de medidas urxentes de carácter liberalizador que contiña disposicións tendentes a liberar máis solo para a actividade construtiva coa xustificación de que, dese xeito e conforme coa lei da oferta e da demanda, ao haber máis solo edificábel no mercado baixaría o seu prezo e, con el, o da vivenda. O resultado ben o coñecemos: nos últimos once anos o prezo do solo e da vivenda non deixou de medrar, a construcción e a especulación convertéronse en motores do crescimento económico ao tempo que inzan as vivendas baleiras – máis de duascentas mil na Galiza – e avanza a destrución do territorio e da paisaxe.

Non é por acaso que, conscientes da gravidade do problema, BNG e PSOE apostasemos no pacto que abríu a porta ao goberno bipartito por un cambio radical nas políticas urbanísticas e de vivenda. Política nova que está xa a dar os seus primeiros frutos: eis a lei de protección do litoral que contempla a posibilidade do goberno galego elaborar planos sectoriais de solo para vivenda protexida, eis a futura lei que reservará como mínimo o 40% dos novos aproveitamentos urbanísticos á construción de vivenda protexida e velaí, tamén, o novo programa da Consellaría de Vivenda que financia até o 60% do prezo do alugueiro a persoas ou familias con ingresos inferiores a 1200 € mensais, exixindo que as vivendas acollidas ao programa leven un mínimo de seis meses desocupadas e teñan unha renda máxima de 450 € ao mes. É deste xeito, lonxe da improvisación e do efectismo, que o goberno de Galiza elabora e aplica unha verdadeira política social de vivenda e unha política sustentábel de ordenamento territorial. Porque as competencias de vivenda corresponden en exclusiva a Galiza e deben ser pois os poderes públicos galegos quen definan e executen, tamén en exclusivo interese dos galegos, as políticas públicas neste ámbito.

Mais os gobernos españois teiman en definir unha política estatal de vivenda ao amparo do seu poder de gasto. Eles dispoñen do orzamento e eles deciden, teñan ou non competencias, aonde van os cartos e quen os ha de xestionar. E fano sen previsión ningunha dos efeitos que as súas medidas poidan provocar quitados, claro é, os eleitorais. Tomemos como exemplo o anuncio da axuda de 210 € aos arrendatarios menores de trinta anos e con rendimentos anuais inferiores aos 22.000 €: de que xeito vai garantir Zapatero que a tal axuda non remate por beneficiar aos proprietarios que poden incrementar a renda en proporción directa á axuda percebida? Como vai evitar Chacón que esta axuda provoque un incremento xeral do prezo dos arrendamentos como o que xa inducira a infausta “Bolsa de Aluguer” do PP? Porque son excluídas desta axuda as familias e os maiores de trinta anos? E tamén, por certo, como é que as CC.AA. non foron informadas na Conferencia Sectorial celebrada o 13 de Setembro, apenas cinco días antes da apresentación dun programa que a páxina web do Ministerio de Vivenda di ser resultado dunha “ampla rolda de consultas cos axentes implicados”?

Improvisación, efectismo, electoralismo, falta de lealdade institucional … todo o que se queira. E máis tamén pagamento de favores e consolidación dun modelo económico e social ben pouco progresista. Porque segundo confesión directa de Rodríguez Zapatero, o programa do goberno visa fomentar a “mobilidade xuvenil” e apoiar a “iniciativa empresarial no sector da construcción”. E, polo de agora, nin promover a emigrazón da xente nova ou a industria do tixolo son prioridades para o goberno de Galiza. Desde logo non para o BNG.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: