Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'NON QUEREMOS ESQUECER'

O Alzheimer afecta a 24 mil persoas no país

Esta enfermidade dexenerativa afecta cada día a máis persoas. Os familares demandan máis axudas das administracións.

Redacción - 13:14 21/09/2007
En Galiza hai 24 mil afectados de Alzhéimer / Imaxe: Flickr r0bz

En Galiza hai 24 mil afectados de Alzhéimer / Imaxe: Flickr r0bz

En Galiza o avellentamento da poboación causa un aumento das problemáticas dexenerativas; e coa idade aumenta o risco de padecer certas enfermidades, como as demencias, que adoitan xerar discapacidade e dependencia.

A porcentaxe de persoas maiores de 65 anos no estado español é das maiores do mundo, chegando ao 17% da poboación. Galiza é a terceira Comunidade Autónoma do Estado máis envellecida, cunha taxa do 21% de persoas de máis de 65 anos.

Estímase que no noso país cada ano se diagnostican 9.000 casos novos de demencia, e na actualidade, padecen esta enfermidade unhas 37.000 persoas, das que 24.000 sofren Alzhéimer.

Na detección precoz atopan os familiares unha axuda, xa que así poden afacerse antes e prepararse para afrontar esta enfermidade que aínda non ten cura.

O Alzhéimer
É unha enfermidade neurodexenerativa que se manifesta en deterioros na memoria e noutras capacidades mentais. A enfermidade adoita durar de media entre 10 e 12 anos, aínda que pode variar moito dun paciente a outro.

Esta doenza foi co-descuberta por Emil Kraepelin e por Alois Alzheimer en 1906, mais Kraepelin accedeu a poñerlle o nome de Alzheimer, que traballaba a carón del no laboratorio.

Os enfermos de Alzhéimer pasan por tres fases: a inicial, a intermedia e a terminal, que é cando o paciente é xa totalmente dependente.

Ao comezo, o Alzhéimer era unha enfermidade mal vista socialmente, polo que os familiares adoitaban agochar as persoas que a padecían. Agora a sociedade ten mudado e permite que saia á rúa como algo normal, mesmo cando aínda están a pasar pola fase leve da enfermidade.

Non ten cura, mais si tratamentos para ralentizar o proceso
Se se detecta canto antes, o proceso dexenerativo desta enfermidade pode ralentizarse xa que existen tratamentos, non só medicamentosos, senón case sempre baseados no apoio familiar.

As demandas dos familiares
Os familiares de enfermos levan anos demandando varias recursos que ven necesarios, como os centros de día, as residencias ou a creación de programas de respiro familiar nos concellos, xa que estes pacientes precisan 24 horas continuadas de atención.

As axudas da Xunta
O Sergas ten acrecentado un 120% este ano os orzamentos destinados a combater esta enfermidade e a facerlles máis doada a vida aos enfermos de demencia e de Alzhéimer, e aos familiares destes.

A Consellaría de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde aproveitou o Día Mundial do Alzhéimer para "promover unha reflexión de todos os galegos e galegas sobre unha realidade, non sempre ben coñecida, e que persegue afondar na concienciación da sociedade galega".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: