Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Piscifatorías (e III):

Sr. Touriño, CERO en ecoloxía, CERO en economía

As declaracións do Presidente da Xunta no VI Congreso de Acuicultura en Vigo, louvando o Plano Acuícola polo "impacto cero" na Rede Natura e a criazón de "2000 postos de traballo", amosan un preocupante descoñecemento da realidade ambiental e social destas macroinstalacións. O Plano Acuícola está moi lonxe de atender a criterios de sustentabilidade ambiental, utilidade pública e interese económico para o país. Só atende aos intereses empresariais de corporacións transnacionais tan "galegas" como Stolt Sea Farm (que desfixo cabo Vilán e agora quere o resto) ou Pescanova (á que impedimos desfacer Touriñán e agora cementa a costa portuguesa), e as que a Xunta vai "premiar" con 390 milóns de € en subvencións públicas.

ADEGA - 19:20 26/09/2007
Tags:

En canto á afección aos espazos protexidos, non pode afirmarse que o Plano Sectorial en revisión non implica alteración algunha dos espazos protexidos, e menos a "afección cero" á Rede Natura 2000 de Galiza. Resulta inxenuo pretender que macroinstalacións industriais de ducias de hectáreas e sen ningún sistema de depuración dos efluentes (millóns de m3 de augas contaminadas ao ano) non van repercutir sobre o ecosistema mariño e terrestre por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido. Sr. Touriño, a ocupación física dos terreos colindantes cun espazo protexido non significa a ausencia de impactos sobre este, por canto é ben sabido que existe un fluxo de materia e enerxía, uns ciclos no ecosistema que non entenden de límites administrativos. Ou dito doutro xeito: "non se lle poden poñer portas ao mar".

Mais á marxe disto, é radicalmente falso que non se ocupen físicamente espazos protexidos como ocorre con varias das instalacións propostas (no LIC Carnota-Monte Pindo, por exemplo, vanse a ocupar máis de 200.000 m2). E o que é mais grave, a futura ampliación da Rede Natura que vai propoñer Medio Ambiente bate cos planos de Pesca de cementar 308.000 m2 en Corrubedo (piscifatoría da punta Laxe Brava). Ula a "afección cero" dunha planificación sectorial que amosa unha vergoñenta descoordenación na súa xestión?

E polo que respeita á criazón de emprego e outras cuestións de interese social, o Plano Acuícola pretende ordenar un sector - principalmente os peixes planos - que representa unha mínima parte – concretamente o 1,8% - da producción total (4.000 Tm fronte a 222.000 Tm, datos de 2002) dominada pola acuicultura a flote e os parques de cultivo de moluscos. Cómo se pode falar do carácter estratéxico deste plano sectorial que só resposta ás necesidades dunha mínima parte do sector esquecendo a aportación, esta sí verdadeiramente estratéxica, da acuicultura a flote e dos parques de cultivo que representan o 98,2% do total da producción e ocupan directamente a unhas 10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra?.

Resulta imperdoábel o esquecemento do groso dun sector baseado no aproveitamento dos recursos autóctonos, xerador do 95% do emprego eintegrado por profesionais, asociacións de produtores/as, confrarías e pequenas empresas de capital galego.

E polo que respeita aos postos de traballo, sorpréndenos que o Sr. Touriño fale agora de 2.000 empregos cando na memoria do Plano Sectorial recóllese unha previsión de 2.800. E que aquela previsión non era real?. ADEGA xa denunciara a falacia dos postos de traballo que eran calculados en base aos obxectivos de producción e a razón de 1 emprego por cada 11 Tm de peixe producidas. O truco está en que a acuicultura industrial é un sector cuxos procesos produtivos están altamente automatizados polo que o aumento da producción non precisa dun medre proporcional do persoal. Mesmo pode darse o caso de que a expansión signifique unha merma dos actuais postos de traballo, ao automatizar tarefas que como a alimentación manual, empregan á maior parte do persoal non especializado. No entanto, o máis grave non é o escaso emprego que crían estas plantas, senon o que poden chegar a destruir no groso do sector - a acuicultura a flote e o marisqueo-, este sí verdadeiramente estratéxico (98,2% da producción total), que vive directamente duns recursos litorais agora ameazados polas macropiscifatorías.

E finalmente, queremos chamar a atención sobre os 390 millóns de € de subvencións públicas que van ir parar ás empresas de acuicultura industrial. Se facemos un sinxelo cálculo, obtemos que para xerar 2.000 empregos, cada posto de traballo vai custar á administración 195.000 €. Ou dito doutro xeito, que todos os galegos e galegas imos pagar o soldo completo dos traballadores de Stolt, Pescanova e as demais (supoñendo un salario medio anual de 15.000 €) durante 13 anos!

Non é de estranar que para estas empresas o Plano Acuícola teña un carácter "estratéxico", pero que o diga o máximo responsábel do executivo galego amosa un preocupante descoñecemento da realidade ambiental e social do país.

Tal e como está plantexado, o proxecto sectorial acuícola en absoluto contribúe ao desenvolvemento sustentábel social e económico de Galiza, nin moito menos carece de impactos ambientais, o que sí parece perseguir é proporcionar ás transnacionais do sector importantes plusvalías a costa dos nosos cartos e do noso medio ambiente.


5/5 (3 votos)


Comentarios (2)

ecoe #1 26/Setembro/2007 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Para qué hai que subvencionar estas empresas? Non van gañar de abondo? Os cartos públicos, que son aportados maioritariamente polos que menos temos na sociedade, son para lles dar ós empresarios (quenes máis posúen) sexan acuícolas ou do ramo que sexan?

ulo #2 3/Novembro/2007 ulo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Sres de Adega, son uds uns canallas.
Eu estou en contra do plan acuicola, porque esta feito a medida das multinacionais do sector; mais non enfronten aos tralladores delas co capital rapiñento dos armadores galegos.
O pobo galego non vai pagar aos traballadores das multinacionais, eles gañaran o seu salario co seu traballo, e nos pagaremos as capitais galegos, grandes e pequenos, as subvecions (ou o armador non cobrou subvecions para desguazar barcos o longo destos anos), e tanto un como outro baseanse na explotacion dos traballadores galegos, peruanos ou senegaleses.
Sres. de ADEGA son uds uns reaccionarios.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:






Locais:
GZ-Sete