Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
ESTÁ NA ONDA O BIPARTITO?

Anxo Guerreiro e Manuel Cabezas: a necesidade de non confundir gobernar con ocupar o poder

O ex deputado Anxo Guerreiro e o ex alcalde de Ourense Manuel Cabezas conversan na biblioteca do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) sobre os dous primeiros anos de goberno bipartito na Xunta. Un texto de Iago Martínez con fotografías de Tamara de la Fuente.

TEMPOS Novos - 10:35 27/09/2007

Politicamente non teñen nada que ver. Anxo Guerreiro, lugués, foi o primeiro comunista con cadeira no Hórreo e nunca abandonou a bancada da oposición, na que pasou vinte anos como deputado, primeiro en Esquerda Unida e logo, enfrontado coa dirección federal de Julio Anguita, en Esquerda de Galicia. Nas últimas eleccións autonómicas, as de 2005, apoiou publicamente o cambio político e gañou a aposta. Todo o contrario que o empresario Manuel Cabezas. Cando Touriño e Quintana asinaron o seu pacto de goberno, este enxeñeiro agrónomo e adegueiro ourensán aínda era aquel atípico alcalde de Ourense que semellaba levarse mellor co socialista Ventura Pérez Mariño que co seu patrón na provincia, o incombustíbel Xosé Manuel Baltar. Son periféricos, e talvez por iso aceptaron o convite. Coñecíanse de antes, mais talvez fose esta a primeira vez que visitaban o CGAC para falar do bipartito.

Cumpríronse as expectativas de rexeneración democrática?

Anxo Guerreiro. A rexeneración democrática non só era unha necesidade obxectiva, senón un dos sinais de identidade do cambio político, e por iso non estou satisfeito. Por desgraza, o bipartito tamén confunde gobernar con ocupar o poder, e cando iso é así o interese de partido prevalece sistematicamente sobre o interese xeral, as reformas estruturais necesarias deixan paso ás políticas clientelares a curto prazo, a información sucumbe diante da propaganda e o debate redúcese a unha aliñación mecánica de posicións e a un variopinto abano de insultos que nada teñen que ver co debate democrático. Ao meu xuízo, algo de todo isto está a acontecer en Galicia. Pasou nos gobernos de Fraga con moita intensidade e penso que está a pasar tamén agora. Non superamos esa etapa. O Parlamento segue a ser unha institución subalterna, cando debera ser central, e isto é particularmente grave porque se trata do único espazo público, o único, onde as diferentes posicións políticas poden dialogar. O resto son monólogos nos medios de comunicación. Cando Fraga chegou ao poder levou adiante dúas iniciativas políticas de gran transcendencia: unha foi a modificación unilateral da lei electoral para dificultar a alternancia, e a outra foi a reforma tamén unilateral do regulamento da cámara para protexer ao seu goberno. Pero é que estes seguen co mesmo regulamento... E logo está esa teima de todos os gobernos, este tamén, por controlar o aparato ideolóxico. O goberno das ideas é unha obsesión. Era grave e segue a ser grave que a CRTVG e os medios progobernamentais destilen o discurso clónico que lle interesa ao goberno. Non hai un verdadeiro debate informativo, non hai auténtica información no país. E por último, é especialmente grave que siga vixente a lei de propaganda, chamada de publicidade institucional, que se emprega exhaustivamente, coma no pasado, para facer propaganda pura e dura. En conclusión, é preciso reconducir a relación coa sociedade, activar todos os resortes de control do poder, en primeiro lugar o Parlamento, e desgobernamentalizar a CRTVG. Aí xógase unha parte da credibilidade política e moral deste goberno diante dos sectores progresistas que o apoiamos.

Manuel Cabezas. A min gustaríame saber onde estaba o déficit democrático, cando agora o 40% das preguntas orais non se respostan e o 48% das escritas tampouco. Das sete proposicións de lei que fixo o grupo da oposición non se aceptou ningunha. É lícito, mais tamén curioso, porque dos 28 proxectos do bipartito, quince si que foron apoiados polo PP. Censurar o 96% das comparecencias solicitadas pola oposición coido que non é achegar o Parlamento aos cidadáns. Negáronse a abrir comisións de investigación, había un proxecto para poñer en marcha unha oficina prespostaria no Parlamento e non se levou adiante. Iso do déficit democrático é un maximalismo. Gobernar unha serie de mandatos non implica déficit democrático ningún. Os cidadáns elixiron o que tiñan que elixir e agora houbo un cambio de goberno, como é lóxico e normal en democracia, e nada máis. Cando un está na oposición critica o que se fai no poder e logo, cando chega ao poder, fai moito do que antes criticaba. Nestes días, é lamentábel, estamos a ver como o BNG se queixa do trato que recibe na TVG. Se o BNG se queixa do trato, con relación ao que ten o PSOE, como será o que se lle dá á oposición... O PP tería que queixarse moito máis, porque non é o terceiro grupo da cámara senón o que ten máis votos. É esperpéntica esa loita no poder por controlar uns medios que son, ao cabo, os que potencian ou debilitan un partido de cara ás eleccións. Creo que a vida parlamentaria non se traslada aos cidadáns porque os cidadáns non participan dela. Hai debates importantísimos que non teñen tanta transcendencia como un ex abrupto illado. Isto está a acontecer no Parlamento, e aí vese que o déficit democrático é máis grave agora ca antes, se é que antes existía.

AG. Home, Manuel, que existía un forte déficit democrático con Fraga está fóra de dúbida. Vouche dar un dato: Galicia foi a única comunidade de Europa na que un Valedor do Pobo denunciou que a radiotelevisión pública non respectaba o pluralismo político nin a veracidade informativa. Iso é un informe presentado ao Parlamento pola maior figura de control das institucións, e iso non aconteceu en ningún outro país de Europa. Eu coido que segue a haber déficit democrático, pero non digas que antes non o había. A proba é que Fraga cambiou o regulamento da cámara para protexer ao seu goberno. O que pasa é que estes, por desgraza, non o cambiaron. Os datos que dás eu creo que son certos, pero o problema non é ese. O problema é que se o Parlamento tivese repercusión, iso chegaría á opinión pública. Un goberno non ten a obriga de apoiar as iniciativas da oposición, nin viceversa, mais se a xente soubese o que alí se fai podería posicionarse. O malo é que non se enteran. A vida parlamentaria non existe, e eu creo que os gobernos non queren que exista. Un debate decisivo para a vida pública, como é o orzamentario, pasa sen pena nin gloria. Non existe, está oculto. Chegan alí uns señores, explican unhas cifras, os outros contestan e acabouse. O resto desaparece do debate público. Canto ao conflito do que falas, se o BNG protestara porque está marxinado na televisión pública, entenderíao. O malo é que non protestou o BNG; protestou unha parte do goberno, un vicepresidente e catro conselleiros, ollo. O BNG pode dicir, como partido, o que lle pete, pero foi unha parte do goberno a que dixo que a televisión pública está manipulada e que eles tamén a queren manipular. É un goberno que explicita a súa vontade de manipular. É un problema moi serio, pero é un problema herdado. O bipartito está a empregar a herdanza de Fraga en propio beneficio. A administración paralela que todos criticamos segue indemne, segue en pé...

MC. E como hai dous gobernos, hai unha disputa para ver quen controla máis e mellor a información. Hai maior déficit democrático? Se o obxectivo do goberno fose un obxectivo único e non dous, se houbese un presidente e non dous, un programa de goberno e non dous, se houbese unha acción política única e non dúas diferentes que procuran converxer e logo volven diverxer cando nos achegamos a unhas eleccións...

AG. Iso, Manuel, é completamente normal en calquera democracia europea. A miña conclusión é que, sinceramente, estes elementos son básicos na calidade de vida e que os partidos que sosteñen o goberno fixeron deles un sinal de identidade contra o anterior executivo autonómico, e é necesario que cumpran as súas promesas. Desgobernamentalizar a televisión, facer unha lei de publicidade institucional como servizo público e non como propaganda, e poñer a funcionar o Parlamento, iso non costa cartos. Non poden poñer como desculpa que precisan tempo. E iso por non falar dos medios privados, que seguen igual ou peor. Cómo se está a facer o financiamento, o escurantismo co que o está a facer este goberno, coido que non é de recibo. É obvio que falar de cambio político no terreo da rexeneración democrática é esaxerado.

Que hai da sanidade pública?

AG. Unha das promesas electorais deste goberno era a mellora dos servizos públicos, e eu creo que algunhas cousas se fixeron. Canto á sanidade, o que acho en menos é un novo discurso. Claro que cómpre xestionar mellor o que hai, mais iso non abonda. Galicia precisa máis recursos. É o país da UE, coa excepción feita de Grecia, nin sequera Portugal, que ten menos gasto público sanitario por habitante da UE-15. O noso é de 1.200 euros per cápita e a media está en 1.850 euros. A pregunta é: hai cartos? Pois claro que hai cartos. Levamos dous anos, case tres, e agora acaban de anunciar o cuarto, con superávit nas contas públicas do Estado. O ano pasado foi de 15.000 millóns de euros, é dicir, 2,5 billóns de pesetas. Zapatero prometeu que mentres houbese ese déficit social, serio, histórico, en España, e en Galicia aínda máis, non habería superávit, que gastaría todo en corrixir ese atraso. Ben, pois eu aínda non lle escoitei a ninguén en Galicia, nin ao presidente nin ao vicepresidente nin ao xefe da oposición, reclamar investimentos para paliar ese déficit. E non é só que non haxa cartos; é que se gasta mal. Se vemos a estrutura do gasto, é milimetricamente igual á do PP. Gástase máis porque medra o orzamento, pero a distribución é exactamente a mesma: o 14% para atención primaria, o 58% para especializada e o 26% para gasto farmacéutico. Que quere dicir isto? Que as prioridades non mudaron. E cales son as consecuencias? Sobrecarga dos hospitais públicos, porque non funciona a primaria, e colapso dos servizos de urxencia. Por que? Porque o 70% dos pacientes que acoden a urxencias non tiña que ir e porque o 20% das persoas que atenden os hospitais públicos tiña que recibir outro tipo de atención, domiciliaria, sociosanitaria ou a que sexa, entre outras cousas porque é moito máis barata. Calquera hospital de terceira como os que temos na rede pública galega custa coma un hotel de cinco estrelas. Non podes ter aí un enfermo crónico que pode estar perfectamente nun centro sociosanitario. Estase gastando mal e póñense desculpas ridículas. Escoitariades dicir á conselleira que non temos médicos. Olle, señora Rubio, que acaba de convocar 140 prazas e se presentaron 1.400 persoas. Como que non hai médicos! O que non hai é xente para ir ao monte cun contrato precario, se hai contrato, cando te collen por máis cartos e con maior estabilidade en Porto ou en Viseu. É evidente que a xente marcha.

MC. Eu escoiteille dicir ao ministro de Economía, o señor Solbes, que a política sanitaria en España leva unha parte importantísima dos Presupostos Xerais do Estado en canto a transferencias e que iso impide que a participación no gasto dos concellos...

AG. Como vai dicir iso Solbes, se hai 15.000 millóns de superávit. Está mentindo.

MC. Claro que está mentindo, pero utiliza ese argumento para destinar menos recursos á sanidade, que non está financiada ao cento por cento polo Estado como debera...

AG. Non, iso non é así. O gasto sanitario é parte do financiamento autonómico dende 2002. Logo as comunidades autónomas fan con eses cartos o que queren. Antes era un gasto finalista, agora non. E vouche dar un dato para que vexas que é lamentábel o que di Solbes: en España gastamos 42.000 millóns de euros en sanidade pública. Ben, pois para estar igual que os que teñen un nivel de renda semellante en Europa, teríamos que gastar 63.000 millóns. Falta o 50%!

MC. Non se lle está a prestar á sanidade a atención que merece en Galicia. Antes, cando había conflitividade, asociábase á falla de recursos para criticar ao goberno. Agora acontece o mesmo e non se poñen medios para solucionalo.

AG. O mesmo, non. Non todos os conflitos teñen a mesma natureza nin todos son positivos. Por exemplo, o dos interinos contra a oferta pública de emprego é demencial, non ten explicación, é dun corporativismo inadmisíbel. E aí fixo ben o goberno ao negarse a ceder. Por certo, que é a primeira oferta pública de emprego en Galicia en oito anos, ollo, que xa estaba ben. Non critiques...

MC. Eu falo de conflitos derivados da falla de medios, Anxo, non de conflitos laborais.

AG. Este goberno non empeorou a sanidade pública porque o PP xa a deixara nun estado orzamentario lamentábel. O problema é que non a pon en primeiro plano, non esixe o cambio de rumbo. Velaí o caso das incompatibilidades, do que o PP nunca quere falar porque afecta a boa parte dos seus membros. Hai moitos profesionais que traballan na pública e na privada e incrementan artificialmente as listas de espera, artificialmente, para que teñas que ir correndo a buscar unha solución á súa consulta, onde eles traballan polas tardes, por certo, moitas veces ilegalmente. O incumprimento da lei de incompatibilidades na sanidade é masiva, e o goberno non pode ollar para outro lado. Se a lei non funciona, haberá que cambiala. Touriño ten que decidir se quere ser un presidente que deixe pegada ou un presidente de transición, con máis ou menos tempo, entre dous gobernos conservadores. Por que? Porque está nunha boa posición. Ten diante a un PP que non está en condicións de volver ao poder en moito tempo, non só porque non ten o goberno de Galicia nin o de España, senón porque vén de perder practicamente o 80% do seu poder municipal no país. E ademais, ten ao BNG nunha situación de subordinación. Xa que logo ten unha amplísima marxe de manobra para enfrontarse aos problemas, o que á súa vez creará problemas, claro, porque tocar as cousas crea problemas. Na miña aldea, e supoño que na de Manuel tamén, non se fai unha tortilla sen romper un ovo.

A conversa completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Anxo Guerreiro e Manuel Cabezas, antes da conversa, na entrada do CGAC
Anxo Guerreiro e Manuel Cabezas, antes da conversa, na entrada do CGAC
Guerreiro: "É preciso reconducir a relación coa sociedade e desgobernamentalizar a CRTVG"
Guerreiro: "É preciso reconducir a relación coa sociedade e desgobernamentalizar a CRTVG"
Cabezas: "É esperpéntica esa loita por controlar os medios"
Cabezas: "É esperpéntica esa loita por controlar os medios"