A delegación pontevedresa do Colexio Oficial de Arquitectos organiza unha visita á instalación. O arquitecto da obra, José Ramón Garitaonaindía de Vera, falará das características do complexo.
O Centro Deportivo do Pontillón do Castro, en Verducido (Pontevedra) que acolleu no pasado mes de xullo o Campionato de Europa de Piragüismo, será o protagonista das celebracións do Día Mundial da Arquitectura na provincia.
A delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos organiza o luns 1 de outubro, ás 17:00 horas unha visita a esta moderna instalación, que será guiada polo arquitecto responsábel da obra, José Ramón Garitaonaindía de Vera, quen explicará as características do complexo deportivo. Nesta visita tamén participará a directora xeral para o Deporte, Marta Souto.
O centro de Pontillón do Castro, cravado no outeiro
Este centro deportivo foi inaugurado hai uns meses con motivo do Campionato de Europa de Piragüismo e tanto os adestradores, coma os deportistas e os propios dirixentes do piragüismo destacaron a calidade da obra, subliñando que posibelmente era a instalación máis completa de Europa nesta práctica deportiva.
Segundo explicou o arquitecto, no momento de afrontar este proxecto tivo a idea de acomodar a edificación ao territorio no que se atopa, de forma que se adaptase ás súas características. Así, deseñou un grupo de edificacións distintas, todas elas semisoterradas e con cubertas accesíbeis para poder contemplar a paisaxe.