Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
3 de outubro, Día da Unidade de Alemaña

Dezasete anos despois da reunificación alemá, nada que celebrar

O leste fica deserto e envellecido, e os grupos de neonazis abrollan coma cogomelos no outono.

Redacción - 14:15 03/10/2007

Non todo o mundo celebra o Día da Unidade Alemá (Tag der Deutschen Einheit) este 3 de outubro, 17º aniversario da reunificación do país. Segundo informa o xornal Spiegel, a emigración interna dos cidadán do leste cara ao oeste está a provocar que a Alemaña oriental, a antiga República Democrática de Alemaña, fique deserta e camiñe cara ao completo desleixo.

O parlamento do estado de Brandenburgo, no leste, encargoulle ao Instituto de Poboación e Desenvolvemento de Berlín un estudo sobre esta situación. A proposta resultante é que se acelere o proceso de emigración nas áreas máis castigadas pola desertización, pagándolle a poboación que aínda permanece na rexión para que a abandone.

Horst Müller, de 74 anos e que leva máis da metade da súa vida na súa casa de Letschin, citado polo Spiegel, afirma que "terán que sacarme de aquí cos pés por diante".

Desertización total para 2030

Cada vez máis escolas están a pechar; as casas de protección oficial e as vilas están a ficar desertas. O estudo estima que en 2030 un terzo da poboación de Brandenburgo terá máis de 65 anos, e moitos non terán asistencia sanitaria porque non haberá médicos. Tamén, calcula que 470.000 persoas máis respecto a 2004 abandonarán a rexión para esa data.

Os mellores edificios dalgunhas vilas da Alemaña do leste están en ruínas, cos cristais das fiestras escachados, e cos seus muros cheos de esvásticas. Dende a caída do muro de Berlín e a fin do sistema comunista coa reunificación de 1990, a aparición de grupos neonazis e as agresións racistas foron en aumento no oriente xermano.

Esta mesma semana produciuse un novo ataque xenófobo, concretamente no distrito de Pankow, na parte leste de Berlín. Un grupo de skinheads bateu en tres camareiros gregos -dous mozos e unha moza- o pasado sábado pola noite.

Incremento de ataques racistas

Mais non é o único. Unha semana antes un mozo de orixe africana tamén foi atacado, e hai quince días catro checos e húngaros correron a mesma sorte en Wismar, unha vila de porto de mar no nordeste. Tamén, o pasado mes de agosto, oito persoas de orixe india foron golpeadas por unha turba de medio cento de neonazis, que abriu -temporalmente- un fondo debate na sociedade xermana.

Alemaña rexistrou ao redor de medio milleiro de ataques racistas en 2006, a maioría na parte oriental. Dende a reunificación houbo 130 asasinatos con este móbil, máis dun quinto en Berlín do leste e no estado de Brandenburgo. E, ao mesmo tempo, os partidos de extrema-dereita e neonazis incrementaron o seu poder nos últimos anos.

"Non é sinxelo explicar a razón de por que a xenofobia callou na Alemaña oriental, máis alá das explicacións clásicas relacionadas coas altas taxas de desemprego ou o fracaso escolar" afirma o Doutor Gideon Botsch, experto en ciencia política do Centro Moses Mendelssohn de Potsdam, citado polo diario israelí Haaretz.

Causas: cambio de réxime na Alemaña do leste
"Cómpre analizar o xeito en que a democracia foi introducida nesas áreas", engade Botsch. "Nos primeiro anos da reunificación a presenza estatal caeu, a policía non existía e non había apenas servizos públicos", afirma.

Ademais , apúntanse outras razóns tal como que o debate sobre a culpabilidade dos cidadáns no exterminio de xudeus europeos por parte do goberno nazi de Adolf Hitler non se deu no leste coma no oeste.

"O goberno alemán considerou que todos os cidadáns do leste foron vítimas, unha sociedade de clase traballadora tomada por un fascista, que dun día para outro converteuse en antifascista, anti-racista e chea de fraternal camaradería. Non existiu ese debate aquí", afirma Anetta Kahane, directora da Fundación Amadeu-Antonio, que avoga por un maior control da extrema-dereita en Alemaña.


Documentos

5/5 (7 votos)

Comentarios (4)

xacataca #1 3/Outubro/2007 xacataca

Cómpre tamén facer outro debate, case dúas décadas despois do derrubamento dos países do campo socialista en Europa, sobre as bonanzas do neocapitalismo devorador de almas que ocupou o lugar do socialismo nestes Estados.

BonKarallan #2 3/Outubro/2007 BonKarallan

E este era o segundo milagre de Fátima. A conversión de Rusia e paises satélites?

Esta Fátima non traballará para Bush?

Tonecha #3 3/Outubro/2007 Tonecha

E teñen un pedazo do muro de Berlín, a mostra de que caeu o comunismo como prometera a virxe, alí posto, no santuario ao que fun, non sei moi ben por que!

Fátima era da Cía! que o invissstiguen!

ecoe #4 3/Outubro/2007 ecoe

Moito que celebrar 17 anos despois da reunificación, mais non por toda a populación claro. Para a victoriosa Republica Federal Alemá RFA incrementaron os consumidores e os recursos de un xeito abafante, ó tempo que se fixeron cos recursos, tamén humanos.
Casualmente outros humanos non lles foron de importancia, os cidadáns da RDA (Rca. Democrática Alemá), resultando datos de benestar social, paro, etc. moi significativamente inferiores.

E gañaron moitísimo máis ainda: a actuación EXTERIOR DA POLÍTICA -xa ben engrasada anteriormente ca CIA e o labor socialdemócrata no €$tado €$pañol [intervencionismo na Tra(ns)ición e da man do pesoísmo de gonzalez e CIA].
Un longo brazo imperialista alemá acenou para Eslovenia, xa dez anos antes do conto do "muro", e logo a seguir atrevéronse en directo ca dinamitación da Iugoslavia (doblete de int€r€$€$ para o imperialismo USA contra as Rusias (urss)e para os negocios alemás).

Hoxe, subimperialista, xa pode o seu exército intervir -de conquista, claro, para o que é- en calqueira parte do mundo (prohibido constitucionalmente ata entón, pois xa "tiraron" de enriba o complexo do nazismo).

Así que para a poboación, en concreto a maioría do Leste, nada que celebrar.
Mais non é así para a RFA triunfadora, e as suas empresas e corporacións, para a economía dos máis ricos alemás! Éstes téñeno TODO POR CELEBRAR xa que logo!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: