Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
40º cabodano do 'Guerrillero Heróico'

Onde estabas ti o día que morreu o Che?

Seis persoeiros da política e da cultura do noso país rememoran en Vieiros o 9 de outubro de 1967, día da morte de Ernesto Che Guevara.

Redacción - 17:30 08/10/2007

Anxo Guerreiro (ex secretario nacional de Esquerda de Galicia)
Eu daquelas xa militaba no Partido Comunista; estaba en Santiago de Compostela, na loita clandestina contra a ditadura. Nas xuntanzas que faciamos falábase do Che e utilizabamos a segunda declaración da Habana sobre a marcha do Che para o debate cos máis novos ...

A súa morte foi un duro golpe no terreo político e por suposto tamén no persoal. A noticia tivo moita publicidade nos medios, xa que nun primeiro momento presentouse ao Che coma un trofeo, e era a icona máis importante dos revolucionarios.

Coido que a súa posterior apropiación indebida da figura do Che por parte do capitalismo demostra a súa importancia. Por outra banda, malia a a dexeneración de ideais que se produciu coa caída da Unión Soviética e aínda que certas formas do socialismo real están desprestixiadas, a figura do Che sobreviviu a iso e ficou como unha imaxe de loita fronte a inxustiza e como do home xeneroso que era.

María Xosé Porteiro (delegada da Xunta en Bos Aires)
Para min é moi interesante esta cuestión, xa que vivín en Cuba entre os anos 56 e 66. Xa que logo, para min a figura do Che Guevara é unha figura moi familiar. Ademais, tiven a ocasión de velo en persoa, de coñecelo fisicamente, aínda que eu era moi pequena.

Eu era moi nena pero grazas a iso teño unha imaxe persoal do Che Guevara, así que o recordo máis vivo ca morto. En realidade, para min, sempre estará vivo na miña memoria.

Marilar Aleixandre (escritora, autora do libro Teoría do Caos, con referencias á morte do Che)
Coincidiu estando eu estudando na universidade, durante o franquismo, nunha época de moita censura. A noticia da morte do Che non chegou inmediatamente -algo difícil de entender para moita xente na era da internet-, chegou algo máis tarde, porque non había esa inmediatez. Cando se soubo supuxo unha conmoción. Eu formaba parte dun partido clandestino -todos o eran- de esquerdas, e a súa morte foi un golpe moi duro porque representaba a esperanza.

O Che foi unha persoa que non seguiu o camiño máis fácil, xa que puido ficar no goberno cubano tras a Revolución. Realmente non lembro exactamente aquel día porque como xa comentaba a súa noticia non foi inmediata, non como a da morte de Kennedy, que mesmo unha profesora xa nos dixera no momento: "acaban de asasinar o presidente dos Estados Unidos". Así que a noticia foise filtrando ao primeiro por aquela xente que escoitaba a Pirenaica ou a BBC. Xa despois, a prensa do franquismo presentou a nova como unha vitoria que representaba a fin da Revolución. No entanto, coincide -creo recordar- co inicio da vitoria do Vietcong sobre os EUA en Vietnam, e logo xa veu o 68 ...

O Che converteuse nunha icona por moitos motivos; era xa un símbolo e ademais tiña fisicamente unha imaxe moi fermosa. As fotos do seu corpo sen vida, no hospitaliño de Vallegrande, tamén era fácil de darlles unha relación ... Porén, aínda que naquel momento a súa morte foi coma un fracaso, se o vemos hoxe con perspectiva, co que cambiou en Bolivia nestes últimos anos grazas ao apoio que o campesiñado lle deu a Evo Morales ... ou como a noticia destes días, de que a medicina cubana curou a cegueira do seu asasino, pódese dicir que houbo algo que quedou do Che.

Enrique López Veiga (deputado do PPdeG e ex conselleiro de Pesca)
A morte do Che sucedeu nunha época distinta, máis romántica, que coincidiu coa revolución do 68. Foi un personaxe que deixou todo para ir pelexar na selva; pódese dicir que é unha especie de quixote. Daquelas é certo que aínda que non parabamos ver se estaba ben ou mal o que facía, espertaba a simpatía da xuventude polo seu personaxe, moito máis do que o podía facer Fidel Castro que finalmente levou a Cuba ao que é agora.

A noticia da súa morte foi moi impáctante, porque tanto o Che coma Fidel Castro eran personaxes presentes na política internacional, que tamén estaba marcada pola guerra de Vietnam. Como xente nova que eramos tiñamos simpatía polos movementos de liberación, polo que a súa morte foi moi sentida no mundo xuvenil. Ademais, nós tamén estabamos a loitar por liberármosnos dunha ditadura. Se hoxe en día reflexiono sobre se era correcto ou non, pode que pense que non o era.

Queda por ver cal era a relación real entre Fidel Castro e o Che Guevara. Polo que se sabe seica tiña desacordos por mor do camiño que estaba a tomar a Revolución cubana. O Che sempre quedará aí como unha figura romántica, que morre polos seus ideais, aínda que non esteas de acordo con eles; o Che sálvase das críticas que se lle poden facer a Fidel, que se amarrou ao cargo. Sempre que unha persoa morre polas súas ideas é atractivo, aínda que hoxe non o comparta.

Camilo Nogueira (Membro do Consello Nacional do BNG)
A morte do Che Guevara con independencia da opción política que elixiu causou un fondo pesar na esquerda galega, xa que a súa figura gozaba de moita simpatía entre a mocidade do país. Ademais, sentiuse moito máis fondamente se cabe se temos en conta que se produciu dun xeito brutal e violento.

Coido, por outra banda, que cómpre salientar a utilización que se fixo da súa imaxe dende moitos eidos. Isto é, en parte pola representatividade que tivo na Revolución cubana. A min en particular, gústame salientar a súa etapa en África, posibelmente máis descoñecida pero previa as loitas revolucionarias nos países sudamericanos.

Dolores Villarino (presidenta do Parlamento)
Para as xeracións progresistas de todo o mundo significou a morte dunha esperanza e dunha persoa que representaba a utopía en estado puro. Cando marchou de Cuba para Bolivia para todos os progresistas da época pareceunos incríbel e pensábamos que a revolución cubana perdía unha das súas cabezas máis preclaras e unha persoa moi intelixente. Considerabamos que era un erro que se embarcara noutras revolucións que non lle eran tan propias no momento.

Significou a morte dun dos últimos revolucionarios -por non dicir o último- dunha época que marcou sen dúbida os niveis de democracia e benestar en Europa, onde tiñan unha grande repercusión e influencia os movementos revolucionarios de América Latina. Nesa época era difícil ter acceso ás obras completas do Che ou aos seus discursos máis significativos. Foi un día triste.

Non lembro exactamente onde me atopaba o día da noticia, pero recordo que estabamos pendentes de si era ou non realmente o Che porque tardaron algunhas horas en confirmalo. Recordo con moita tristura, unha vez tivemos a confirmación, ver na televisión a imaxe terríbel da foto, que logo foi universalmente famosa, do Che morto tirado nunha táboa no sitio onde foi asasinado.


4.29/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Soldados bolivianos posan co cadaver do Che / Freddy Alborta
Soldados bolivianos posan co cadaver do Che / Freddy Alborta