Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ARANTIA E LAMBDASTREAM CONQUISTAN MERCADOS EN EUROPA

"Toda a televisión verase a través de internet"

Jacobo Penide, director de Arantia -firma galega que venderá á maior eléctrica francesa 5 millóns en produtos TIC- trata o destacado rol de Galiza no incipiente mercado da tv en liña.

M. Vilas - 09:30 07/10/2007
O director xeral de Arantia, J. Penide

O director xeral de Arantia, J. Penide

O futuro da televisión está en internet, pero para que se consolide cómpre reformar o mercado dos dereitos televisivos. Esta é a opinión de Jacobe Penide, director xeral de Arantia, unha firma compostelá que logrou recentemente un importante contrato con Electricité de France (EdF), un dos motores da economía francesa.

Nesta entrevista, orixinalmente publicada no portal do PEGSI, Penide defende que para que Galiza poida participar neste novo mercado, cómpre que a Xunta aposte por desenvolver tecnoloxías propias, feitas no país.

O certo é que Galiza estase a facer un oco no incipiente sector,;pois ademais de Arantia, a coruñea LambdaStream tamén logrou vender as súas solucións de televisión IP nos mercados internacionais.

Cal é o ámbito de traballo de Arantia?
Os nosos produtos están enfocados na converxencia da televisión, sobre todo a TDT, coa televisión IP, ou televisión por internet, o que inclúe servizos interactivos que proporcionan valor engadido. Neste momento, ofrecemos a nosa tecnoloxía a diferentes tipos de clientes, como hoteis ou empresas. Pero está claro que a evolución da televisión pasa pola converxencia coa rede. Ata agora estamos no comezo do proceso, pero non tardará moito en ser unha realidade cotiá.

Daquela veremos a televisión a través de internet?
Si, ao final toda a distribución de televisión realizarase a través da rede, incluídos os fogares. Así, os telespectadores poderán ter acceso a unha programación personalizada, con contidos deseñados a medida e servizos de vídeo baixo demanda.

Pero para iso se produza, terá que haber un cambio no mercado dos dereitos audiovisuais, que hoxe se venden de xeito moi localizado

Si, a evolución ten que ser cara unha maior internacionalización e globalización dos contidos porque na actualidade é un hándicap, ao estar limitada a distribución por internet.

Arantia acaba de lograr un contrato para subministrar software a Electricité de France (EdF), unha das maiores firmas de electricidade en Europa, por un valor de 5 millóns de euros. Que supón para a súa compañía?
Pois é un reto ter que traballar para un xigante como EDF. Logrando este contrato demostramos ademais que temos unha tecnoloxía flexíbel, que se pode adaptar satisfactoriamente as demandas particulares de cada cliente, como era o caso de Electricité de France, e que podemos competir internacionalmente.

Ata que punto é importante a I+D+i para unha empresa como a súa?
Nós somos independentes dende un punto tecnolóxico, temos os noso propio equipo de investigación e desenvolvemento, ao que adicamos un recursos moi importantes, o 70% do noso cadro de persoal son enxeñeiros.

Que tipo de políticas que lle gustaría a unha firma como Arantia que se tomasen dende a Xunta para impulsar o sector das tecnoloxías da información?
O máis importante é que apoien o desenvolvemento de tecnoloxías e produtos propios. Neste sentido creo que o último plan de I+D+i, o IN.CI.TE, presta bastante atención a esta necesidade. De feito, o desenvolvemento da nosa última plataforma interactiva contou co apoio da Consellería de Innovación e Industria. Tamén é fundamental que se apoie a internacionalización, que as empresas galegas sexan capaces de competir globalmente. Se Arantia logrou o contrato de EdF foi porque dispón de unha tecnoloxía propia, e que esa tecnoloxía é quen de competir no mercado internacional.

E como está o mercado de traballo das novas tecnoloxías? Atopan as empresas tecnolóxicas galegas o que necesitan?

En Galicia hai compañías líderes no sector das telecomunicacións, polo que aqueles licenciados que aspiren a desenvolver a súa carreira neste campo si teñen onde facelo e, ademais en firmas punteiras. Tamén é certo que nós tivemos problemas para atopar persoal especializado, con perfís tecnolóxicos moi concretos. Existe unha necesidade dunha maior especialización tecnolóxica e, asemade, complementar estes coñecementos cunha visión global de como funciona unha empresa.


3.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: