Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esgotados todos os vieiros contra a "desfeita"

SOS Courel recorre ante nos tribunais a autorización para a canteira da Campa

"Como nin o Parlamento nin a Xunta escoitaron", a asociación presentou na pasada sexta feira un recurso perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a autorización para a canteira da Campa-Santa Eufemia.

Redacción - 18:46 08/10/2007
Deseño de Aduaneiros Sen Fronteiras / www.aduaneirossemfronteiras.org

Deseño de Aduaneiros Sen Fronteiras / www.aduaneirossemfronteiras.org

Os membros do colectivo din que tentaron parar a agresión total do Courel "por todo os medios" e aseguraron que só lles queda acudir á xustiza, para "parar esta agresión no medio da Cunca do Lor, no miolo dun xa masacrado Courel, un dos espazos de maior valor cultural e ambiental da Europa".

Ademais, avanzaron que a comezos de novembro han recorrer tamén a licenza de actividade desta canteira e o mesmo vai pasar coa licenza de apertura, en caso de que lle sexa concedida. "E seguramente polo camiño xurdirán máis contenciosos e recursos a instancias superiores aos que lle facer fronte", advertiron.

"Non temos máis remedio que pedir e aceptar donativos"
Ante o inicio destes procesos xudiciais, SOS Courel fixo un chamamento para que os interesados na defensa ambiental e cultural do Courel colaboren cos seus donativos. En caso de que "o pesadelo rematase antes do previsto", o remanente económico da campaña destinarase á adquisición e restauración de espazos abandonados ou á rehabilitación dunha construción tradicional en ruínas da zona, "para uso e gozo de todos".

Finalmente, a asociación advertiu de que O Courel "vai disparado cara un despobomento seguro" e acusou á Xunta de "lanzar cortinas de fume" a base dunha "maraña de datos confusos" e promesas de medidas "que nunca chegan", para "tranquilizar á opinión pública do inmenso escándalo", mentres son os courelaos os únicos que se moven para defender "un espazo cultural único que é patrimonio de todas e todos".

"Ao noso entender, o Consello da Xunta de Galicia, en xuño de 2007, errou"
A Xunta, segundo os membros de SOS Courel, entendeu mal a Lei e autorizou unha canteira no medio da Cunca do Lor, no centro do Courel.

A lei di: "o Consello da Xunta valorará a compatibilidade ou non da explotación cos valores naturais, ambientais e paisaxísticos existentes", mais a explotación xa estaba funcionado, a pesar dunha orde de peche por non ser compatíbel con eses valores.

Con esta autorización séntase un precedente ambiental necesario para a autorización de, polo menos, segundo datos de SOS Courel, outras 54 explotacións mineiras no mesmo territorio, e tamén para a declaración do concello de Folgoso do Courel como "Concello Mineiro" tal e como se prevé na futura "Lei de promoción da minaría de Galicia".


Ligazóns

5/5 (10 votos)

Comentarios (3)

Erasmo #1 8/Outubro/2007 Erasmo

Non deixemos morrer O Courel...!!!

http://www.vieiros.com/open/am...

Compre facer VISIBLE este atentado contra a Terra !!!

Jatopardo #2 9/Outubro/2007 Jatopardo

É incribél que despois de lustros soportando a Fraga, unha vez xubilado, os galegos teñamos que seguir defendendo a terra das cacicadas dos políticos. Empezo a ter moi claro que en temas medio ambientais PP, Psoe e BNG non se diferencian moito. A ámbolos tres lles importa un carallo o medio natural galego. Que non se esquezan que unha nación non só é unha lingua, senón tamén unha terra e hai que coidar ás dúas por igual.

Erasmo #3 16/Novembro/2007 Erasmo

Seguimos intentando chegar máis aló do Padornelo... axúdanos !!!

http://meneame.net/story/ley-m...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: