O convenio negociado entre sindicatos e patronal contempla unha suba salarial do 5% máis os complementos por categorías.
Os traballadores do sector da construción nas comarcas pontevedresas ratificaron este luns á noite en asembleas o preacordo asinado entre sindicatos e patronal, para poñerlle fin á folga que afectaba uns 45.000 operarios dende o pasado 2 de outubro.
Na última xuntanza entre ambas as partes pactouse unha suba salarial lineal do 5% para todas as categorías, ás que hai que sumar un complemento de catro euros no caso dos axudantes, oito euros para os oficiais de segunda, e doce euros para os oficiais de primeira.
Ademais, estabeleceuse unha cláusula de revisión salarial, independente dos complementos, en caso de que o IPC supere o 2,7% en 2007, o 2,6% en 2008, e o 2,5% en 2009, derradeiro ano de vixencia do convenio.
Actualmente, un peón nas comarcas pontevedresas cobra 13.365 euros brutos. Con este acordo pasará a cobrar 13.900 euros en 2007, 14.644 euros en 2008, e 15.330 euros en 2009.
Outros dos acordos adoptados son a redución da xornada laboral anual en dúas horas, a eliminación da obrigatoriedade da xornada intensiva de verán e, no que respecta aos desprazamentos, acordouse que a empresa pague os gasto a partir dos 50 minutos de duración do traxecto.