O lehendakari adía a convocatoria de referendo a 2010, pero antes prevé facer unha "consulta popular".
"Non acepto que sexa a ETA quen teña un interruptor para acender e apagar a esperanza da sociedade vasca, que é como aconteceu nos últimos tempos", afirmou o lehendakari Juan José Ibarretxe durante a súa intervención diante dos medios despois da xuntanza este martes co presidente do goberno español. "Non pode ser que sexa a ETA quen dea permiso e decida sobre que e cando negociar".
Pacto ao "estilo Downing Street"
"No próximo pleno de xuño quero presentar un pacto ao estilo Downing Street, para que este acordo sexa ratificado, e facer unha consulta conxuntamente co presidente español", explicou Ibarretxe. O presidente do goberno vasco reprochou o "nerviosismo que hai en Madrid" ao fío da súa proposta, e pediu que se entenda que se trata dunha oferta de debate "lexítima" e "legal". Insistiu o lehendakari en que "o inimigo da democracia no Estado e en Euskadi" é unicamente "a ETA" e en ningún caso o son as propostas "políticas" realizadas polos representantes lexitimados pola sociedade.
Segundo detallo, o seu proxecto é negociar co goberno español a forma de realizar unha consulta que conte coa súa beizón. De non ser autorizado, Ibarretxe solicitaría en todo caso a autorización do Parlamento para unha consulta popular o 25 de outubro de 2008. Trataríase dunha consulta "sen vinculación xurídica" pero na súa opinión co valor de que "a sociedade vasca abra coa súa decisión a porta do proceso". Xa que logo, estabelecería un novo guieiro de negociacións a partir de aí coa meta de que en 2010 se celebrase un referendo sobre o novo estatus político para Euskadi. Ibarretxe dixo agardar que "o talante do que tanto se fala non se transforme nun desplante ao diálogo".
"Non" de Zapatero ao proceso
Ás portas das eleccións xerais, de portas para afora non houbo no discurso de José Luís Rodríguez Zapatero ningún espazo para o diálogo posíbel e reiterou que o convite do executivo vasco non será nin aprobado nin aceptado. O presidente do goberno español opinou que o lehendakari chegara á Moncloa "cunha segunda versión do primeiro Plan Ibarretxe" e subliñou que ao novo plan lle agarda resultado similar ao anterior. "Non se pode facer, non se vai facer e non se fará", insistiu. "Leva desde 2001 falando do mesmo", criticou Zapatero, "se quere modificar as relacións de Euskadi co Estado, pode modificar o Estatuto de Gernika, que por outra parte foi até o de agora moi beneficioso para Euskadi", engadiu.
Recomendámoslles ampliar na EiTB24, Deia ou no Diario Vasco.