Integrante da asociación A outra Cerceda, este verán saltou á fama por querer denunciar a contaminación que sofren por culpa da central, e acabar ela mesma denunciada.
Vive a 300 metros dun dos focos máis contaminantes do país, na aldea da Lousa, parroquia das Encrobas (Cerceda). É unha muller loitadora, integrante dunha asociación loitadora a súa vez tamén. A outra Cerceda leva anos denunciando a situación na que viven cada día os veciños da bisbarra: con ruídos, baixo unha chuvia de po de carbón e coa súa saúde exposta a substancias químicas nocivas.
O pasado 1 de xuño María Pardo Barbeito foi deica o cuartel da Garda Civil de Ordes para presentar unha denuncia contra Unión Fenosa, porque as emisións da central térmica estaban a estragar a súa horta, a súa casa e, o que é máis importante, a súa saúde. Porén foi ela quen rematou denunciada e acusada dunha "falta de respecto á autoridade". O fiscal pedíalle 360 euros de multa, mais a Xustiza absolveuna.
Esta fin de semana, con motivo das Xornadas sobre a Lei da Minaría que organizan o Sindicato Labrego e ADEGA en Vilalba, foi convidada a contar a súa experiencia como habitante e labrega da Lousa e como unha das máis activas integrantes do movemento de resistencia civil das Encrobas ao monstro de Meirama.
Vieiros: Como é a vida na Lousa?
María Pardo: Pois a vida é moi diferente a calquera outro sitio. É unha lea continua co burato da mina e coa central. A igrexa queda por tras do burato e os accesos están todos furados. Vivimos sempre con ruído e sempre hai po. Agora sóubose que a cheminea da central tira case case veleno puro. Levamos 35 anos sufrindo isto, eu daquelas xa ía á escola alá no val ... que agora non é val.
Son vostedes optimistas de cara a que haxa unha solución a este problema?
Moi optimistas non somos, porque estas industrias que son as que levan os beneficios, están no plan de sacrificar; de sacrificarnos a nós. "Son industrias que fan falta e alguén se ten que sacrificar", din. Pero os que leven o beneficio supoño que algún coidado con nós deberían ter. Porque todos temos dereito a vida, até os cans do cura teñen dereito a vida como se soe dicir. Unha que non é agradábel vivir así, e outra que non saudábel.
Están organizados nunha asociación, non si?
Estamos. A outra Cerceda chámase, porque o que se está a vender por aí diante, e quérennos vender a nós tamén, é unha Cerceda marabillosa, cun parque acuático que é marabilloso ... e a verdade é que Cerceda está chea de merda e ten moitos problemas.
Reciben moitos apoios doutros grupos?
Recibimos. O Sindicato Labrego Galego está a facer o que pode, os do BNG están facendo o que poden ... Menos as institucións ...! Todo o mundo toca a pelota para outro lado. Din: "Isto non é da miña competencia, isto non é da miña competencia", e ninguén fai nada.
Este verán seica tivo problemas coa Garda Civil ...
Non sei por que, nin por que non ... A verdade foi moi raro. Fun poñer unha denuncia pero o garda civil só me quería anotar que o po estragaba a leitugas non a casa e a miña saúde. Foi moi raro. Pareceume que estaba nos tempos de Franco!
Mais todo rematou ben e a xente apoiouna, non si?
Grazas a Deus, si. A xente da aldea veu comigo; as rapazas do BNG e as rapazas do SLG tamén ... Sentinme moi ben con tanto apoio.
Porque o pasou mal?
Paseino mal mal, moi mal. Non sabía que se podía pasar tan mal.
Durante o xuízo houbo tamén algún problema co idioma. Seica o garda civil non entendía o galego e habíallo que traducir, non si?
Dicía el, pero eu cando fun poñer a denuncia faleille igual ca cho fago a ti eu agora, neste gallego que eu falo, e entendeuno perfectamente. E no xuízo ao principio traducíanllo pero ao final xa contestaba el antes de que rematasen de traducir.
As empresas primeiro póñense en connivencia cas "autoridades", regan onde hai que regar, dan algúns espelliños a cambio -piscinas, lagos (pozas) artificiais e globiños prás crianzas- e todo a seguir.
Pois nas Encrobas houbo loita, mais as "autoridades", enlodaron moito máis e fixeron dele o concello do lixo, hoxe atuado e supercontaminado por terra, mar e aire.
Mesmo desexarían valeiralas de habitantes para millor reventar unha EXPLOTACIÓN ABSOLUTAMENTE PRIMARIA E SELVAXE do territorio.