Outros quince resultaron feridos tras un ataque dos separatistas curdos preto da fronteira con Iraq.
Polo menos trece soldados turcos morreron este domingo e outros quince resultaron feridos tras un ataque dos separatistas curdos do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) contra unha unidade militar, preto da fronteira con Iraq e Irán, segundo a axencia de noticias estatal Anatolia.
Os rebeldes atacaron con metralladoras a unidade militar, situada preto da localidade de Yuksekova (provincia de Hakkari, no sueste turco). Segundo a cadea de televisión NTV, o ataque produciuse a uns cinco quilómetros da fronteira con Iraq. Con estes xa son ao redor de trinta os soldados turcos mortos a mans do PKK nas dúas últimas semanas.
Ataque turco
Tras coñecer a noticia, o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, interrompeu unha visita a Istambul para regresar á capital, Ancara, e convocou unha reunión antiterrorista de urxencia. Pola súa banda, o ministro de Traballo, Faruk Celik, declarou que "estes últimos acontecementos creo que nos obrigarán a adoptar medidas máis estremas".
Fontes oficiais fronteirizas iraquís aseguraron que o exército turco disparou quince proxectís de artillería contra varias aldeas curdas do norte de Iraq sen causar vítimas. Este ataque podería ser unha resposta á morte dos trece soldados.
O ataque produciuse catro días despois de que o parlamento turco aprobase unha moción que autoriza ao seu exército a lanzar unha ofensiva transfronteiriza contra os milicianos do PKK que se refuxian no norte de Iraq.
Operación Curdistán, artigo de opinión de Roberto Mansilla en Vieiros.
Si guillerme, si. Eu tamén estou pola creación dun estado do Curdistán. Pero síntoo, non me parece ben o teu comentario, no que semellas celebrar a morte dos soldados turcos, que seguramente pouco teñen que ver co centralismo turco.