Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Conclusións das xornadas de reflexión e análise

A Lei da Minaría: norma necesaria pero manifestamente mellorábel

Subliñouse que a reforma da lexislación mineira debe asegurar que as explotacións sexan compatíbeis cos demáis usos do solo e coa protección ambiental.

ADEGA - 14:00 23/10/2007

ADEGA e o Sindicato Labrego Galego organizaron a pasada fin de semana en Vilalba unhas xornadas de información e discusión para debater sobre o proxecto da futura Lei da Minaría de Galiza, nestes intres en tramitación parlamentaria. O encontro reuniu ademáis de labregos/ase ecoloxistas, a un amplo número de afectados polas concesións mineiras da Terra Chá, representantes da Consellaría de Industria, voceiros dos grupos parlamentares e expertos en xeoloxía. Poden baixar aquí as conclusións. (.pdf)

O primeiro día, venres 19, as presidentas de ADEGA e o SLG, Adela Figueroa e Lidia Senra, respectivamente foron as encargadas de inaugurar as xornadas, xunto cun voceiro da Consellaría de Industria. Posteriormente, o Catedrático en Xeoloxía pola UDC, Xoán Ramón Vidal Romaní, fixo unha exposición sobre os impactos da minaría e toda sorte de canteiras no medio natural, nomeadamente, na súa riqueza xeolóxica.

O sábado día 20, deuse conta dos contidos do citado Proxecto de Lei da Minaría galega, a cargo do subdirector xeral de Recursos Minerais da Consellaría de Industria, Xosé Antonio Domínguez Varela, quen celebrou que esta normativa lle daba máis relevancia aos aspectos ambientais que a anterior Lei de Minas do ano 1973, totalmente anticuada e favorábel ao sector empresarial fronte aos intereses colectivos.

O seu relatorio foi seguido das voces de varios veciños que sufriron e aínda están a sofrer as nefastas consecuencias da aplicación da Lei de Minas do 73 pola que moitos dos seus terreos foron expropiados e expoliados. María Pardo Barbeiro falou en representación dos veciños das Encrobas e de Limeisa, afectados pola mina e a contaminación atmosférica da central de Meirama. Henar Román Fernández, presidenta da Comunidade de Montes de Man Común de A Labrada, en Abadín, deu voz aos afectados pola mina ilegas de Ingemarga. Tamén explicaron a súa situación os veciños da Terra Chá, afectados polas tres concesións de extración de cuarzo á empresa Erimsa, e Orlando Álvarez, vicepresidente de SOS Courel e contrario á actividade de Cupire Padesa na montaña lucense.

Daniel López Vispo, por ADEGA e Margarida Prieto Ledo, polo SLG, non deixaron de expoñer os aspectos positivos que se introducen neste proxecto de Lei no referente á protección ambiental e á sustentabilidade da actividade mineira, á planificación mineira através do correspondente Plano da Minaría, á participación cidadá no deseño e aplicación da política mineira a través do Consello Galego da Minaría, á participación da poboación das zonas mineiras nos beneficios da minaría e, en fín, ao peche en Galiza de todo o ciclo productivo para rematar coa expoliación dos nosos recurso naturais que viñeron practicando até agora a maioría das empresas do sector mineiro. Deseguido criticaron as incoerencias en que incurría este proxecto de Lei ao levantar, a través da modificación da Lei do solo, a proibición da minaría en solo rústico de especial protección agropecuaria.

Tanto dende o Sindicato Labrego Galego como dende ADEGA, entendemos que a primeira finalidade do solo agropecuario ten que ser a de producir alimentos e, portanto, ten que resultar incompatible cunha actividade que tan claramente implica a destrución do solo e dos seus hábitats. Desta Lei de Ordenación da Minaría tamén se criticou a apropiación que fai de competencias que son e deben seguir sendo da Consellería de Política Territorial cando propón a sustitución da autorización autonómica por cadaseu informe das consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente, Urbanismo e Patrimonio.

Ao final das xornadas elaborouse un borrador de Conclusións que lles será entregado aos grupos parlamentares para que poidan tomalo en consideración, se así o consideran, no trámite do debate parlamentario.

Remataron as xornadas coa lectura das conclusións e agradecendo aos grupos parlamentarios do BNG e do PP alí presentes a súa disponibilidade a reflexionar sobre as conclusións das xornadas e co agradecemento por adiantado aos grupos do governo por ter xa admitido, através dass súas enmendas á Lei, boa parte das consideracións que se debateron ao longo das xornadas.


5/5 (1 votos)


Comentarios (2)

ecoe #1 23/Outubro/2007 ecoe

A ver cánto DEIXAN millorala os parlamentares!

ofarrinha #2 23/Outubro/2007 ofarrinha

Ten me graza o que pon ó final das conclusións:

"Resolución final: estas xornadas queren expresar o seu unánime apoio á reivindicación dos afectados polas concesións mineiras da Terra Chá esixindo da Consellería de Meio Ambiente a xa urxente revisión da Declaración de Impacto Ambiental para poder proceder a un novo procedemento de avaliación ambiental das concesión mineiras recurridas."


A Declaración de Impacto Ambiental xa lla tiña que haber pedido A Consellería de Industria ( no seu intre...xa que nin o fixo antes (PP) e nin o fai agora (BNG)....

Cando entraron os do Bloque e os do Psoe no Goberno da xunta, a Consellería de Industria (do BNG) deu o visto bó ás minas sen pedir outros estudos... dígase a citada Declaración de Impacto Ambiental (Consellería de Meio Ambiente do PSOE)...etc.


Polo tanto o Bloque tivo a tixola polo mango pero pasou o trámite polo alto e agora estamos nestas........

Aínda así hai que dicir que quen tivo a culpa de todo xa anteriormetne foron os alcades do PP e máis a Xunta gobernada polo PP, que foron as que deron o visto bó a tódolos trámites antes de chegar a onde estamos agora....


Polo tanto, son culpáveis os gobernates do PP (que agora se suman ás reivindicacións...e tamen os de Jóvenes Agricultores...aínda que algún se sume agora) e, por suposto, o Bloque e Psoe por deixar pasar os trámite adiante.

De tódolso xeitos, o máis culpable é o delegado de industria de lugo (BNG) que foi quen non pedíu a DIA no seu intre, e agora está agochado...

Así é como o vexo eu...

Polo demáis tenme graza que os do Bloque fagan unhas conferenzas sobre as minas e a nova lei, cando son eles os que están obrigados e poden facelo na xunta.....

Cada vez me da máis noxo a política...

Eu tan só pido que os do Bloque e os do PSOE deixen de tocarse os collóns uns ós outros e se xunten e fagan políticas xuntas, que pa iso os votamos........caraaaaaaaaaaaaaalloo

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: