Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
OPINIÓN

O hiperactivismo de Zapatero

Polo que se ve, ao Goberno de Rodríguez Zapatero non lle falta enerxía nin pulo no final da lexislatura. Pero o que non parece ter claro é o rumbo. Vese hiperactivo, cheo de ideas, pero sen un proxecto coherente que identifique as prioridades e marque a traxectoria a seguir alén do día a día. Por Antón Costas, catedrático de Política Económica da Universitat de Barcelona.

Antón Costas - 21:00 24/10/2007

A falta de proxecto, ten talonario. O bo funcionamento da economía todos estes anos creou un superávit das contas públicas que agora se pode empregar para gañar amigos e obter réditos electorais. Estes beneficios poden proceder do talonario das políticas sociais (máis axudas por novos fillos, á vivenda, ou a nova prestación bucodental para a infancia) ou da política territorial (por exemplo, cos novos investimentos do Estado nas comunidades autónomas).



Á marxe de que estas medidas contribúan a axudar a colectivos concretos máis ou menos necesitados de axudas públicas, o feito de teren sido adoptadas de forma precipitada e sen debate ningún no Parlamento nin, polo visto, tampouco dentro do Goberno (parece que non pasaron pola Comisión Delegada de Asuntos Económicos), dálles un cheiro electoralista. E aínda máis, poden semellar inxustas dende a perspectiva doutros grupos sociais con necesidades tamén urxentes e posibelmente máis prioritarias.



Estas políticas non constitúen unha política social articulada, como si o foi a lei de dependencia. Son medidas dispersas –orientadas, iso si, a atender necesidades sociais reais–, que responden máis ao activismo político e á proximidade das eleccións ca a unha definición de prioridades acerca do emprego que debe darse ao superávit orzamentario.



Este activismo levou tamén a Zapatero, como no seu momento fixo Aznar, a inmiscirse na vida empresarial, permitindo que dende o seu entorno se faga todo o posíbel para crear novos medios de comunicación que lle sexan afíns.



A situación comezou a preocupar os seus. O ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes, amósase incómodo e desacougado coas medidas sociais que anuncian os seus compañeiros de gabinete. Pola súa banda, o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Ordóñez, fixo un chamamento á prudencia no gasto público e a que non se desbalde o superávit. Mesmo o propio Felipe González fixo uso da súa autoridade moral para advertir contra os “danos colaterais” que pode causar o “fogo amigo” do Goberno cando se mete en batallas para apoiar os intereses doutros.



A que responde este activismo e precipitación das políticas de Rodríguez Zapatero? Penso que á combinación de dous factores. Por un lado, ao pánico a perder as vindeiras eleccións. Por outro, e máis fundamental, á súa personalidade e á súa forma de resolver os problemas. Vaiamos por partes.



O Goberno non só parece ter medo a perder as eleccións, senón que lle entrou pánico. O medo en si mesmo non é cousa má; activa o instinto de conservación e pode impulsar reaccións axeitadas. Pero o pánico leva a reaccionar con precipitación e a cometer erros que se volven contra un mesmo. E iso é o que parece que lle está a pasar a Zapatero.



Non está de máis, por outra banda, ter en conta que aos cidadáns lles gusta recibir axudas –xa sexan subvencións ou rebaixas fiscais–, pero non son moi agradecidos á hora de iren votar.



Pero o hiperactivismo e a precipitación que mostran as medidas de Zapatero non teñen que ver, ao meu xuízo, tanto co horizonte electoral coma cun trazo da súa personalidade que ten un forte impacto no seu estilo de facer políticas.



Ao contrario que Aznar, que era moralista e dogmático, a personalidade de Rodríguez Zapatero non é a dun reformista, senón a dun axudador. Un reformista ten na súa cabeza un proxecto social ou económico para cambiar a sociedade e non busca que o queiran. O axudador, pola contra, pretende resolver problemas tanxíbeis de xentes concretas, chegar a todos, ser recoñecido e querido.



O político axudador considera que a súa empatía e capacidade para conectar coa xente e cos seus problemas é o seu meirande capital político. Non lle cómpre un proxecto articulado de política social, baseado nunha filosofía política acerca de como ten que organizarse a solidariedade dentro da sociedade, senón que se vale de medidas sociais concretas e específicas para cada grupo social ou territorio que compoñen o país.



O líder axudador adoita manifestar unha grande impaciencia por resolver todos os problemas da sociedade na que vive. Está animado polo que Flaubert chamou a rage de vouloir conclure, a rabia ou teima de querer concluír, de resolver todo.



Esa impaciencia xera un estilo de facer política no que a motivación para resolver problemas se adianta á comprensión da súa complexa natureza, e a que se dean os requisitos necesarios para afrontar a solución con éxito. O axudador vese a si mesmo como un fermento do cambio, pero dado que non hai un proxecto detrás que conduza o proceso, adoita deixar despois que as cousas sigan o seu curso, confiando na máxima de que o universo tende á orde por si mesmo. A iso chámanlle algúns optimismo.



Penso que a conduta de Zapatero no proceso de elaboración e aprobación do Estatuto de Cataluña ou no proceso de negociación con ETA responde a este activismo e a ese estilo de resolver problemas, no que a motivación se anticipa á comprensión do problema en toda a súa complexidade. O resultado foi o previsíbel.



Unha consecuencia perversa deste estilo de facer políticas é que se presta máis atención a identificar problemas que a buscar apoios sociais e consensos políticos amplos, incluída nalgúns casos a propia oposición, que fagan que as novas políticas sexan estábeis e duradeiras no tempo, como ocorreu coa lei de dependencia.



É dicir, trátase de evitar que as políticas sociais e doutro tipo estean sometidas ao zigzag do ciclo político, de tal forma que cada novo Goberno principie por querer cambiar as políticas do Goberno anterior. De acontecer así, reproduciríase a funesta teima do “trágaa e volve comezar de cero”, que tantas enerxías sociais e políticas consome e que tanto mal lle fixo ao noso progreso social e económico dende o século XIX.



Alguén da súa confianza debería advertir o presidente deste risco.



[Texto publicado na edición de Cataluña de "El País" (08/10/2007) e vertido ao galego coa autorización do autor.]



Tradución: Esteve Valls


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: