Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estrea o 28 de outubro

"Queríamos pór en imaxes o traballo que nunca se ve"

Esquecidas, producido pola Asociación Xiara e Espazo Aberto Galiza Filmes, fai visíbel o traballo invisíbel: o de milleiros de empregadas do fogar.

Lara Rozados - 13:00 27/10/2007

A curtametraxe estréase este domingo, no marco dun encontro organizado polo Servizo Galego de Igualdade. Como explican dende a Asociación de Empregadas do Fogar Xiara, a idea ocorréuselles hai un par de anos. Xa vai para sete ou oito que naceu unha plataforma de traballadores con emprego precario, en que unha porcentaxe altísima dedicábase ao traballo doméstico. Consolidouse entón a Plataforma polo Emprego do Fogar, e a Asociación Xiara, nada hai catro anos, comezou a traballar no ámbito social cunha serie de actividades: mesas redondas, unha publicación co apoio do Concello de Santiago de Compostela...

"Pero nada chega", afirman dende Xiara: "esquécese en seguida. Por iso pensamos en facer unha curtametraxe, que lle chega mellor á xente e permanece doutro xeito. Era máis interesante facer unha curta e que despois poida xurdir o diálogo". Xiara non só ten traballado no eido cultural e social, senón que tamén ten levado as súas reivindicacións ao Parlamento: "é importante ver que somos parte implicada nas reformas que se queiran facer. Falamos cos tres grupos parlamentarios e tamén formamos parte da Plataforma Estatal de Traballadoras do Fogar".

Darlle voz e imaxe ao traballo invisíbel

Volvendo á curta: contactaron con Luqui Matthews, promotor de Espazo Aberto Galiza Filmes, unha produtora compostelá que realizou diversas curtametraxes de temática social (Outro día máis ou Puzzle). "El animounos moito e empezamos a resolver cuestións técnicas,e a principios deste ano empezamos a facer un guión do que queriamos que se vise representado: a discriminación que vivimos todos os días".

As ideas partiron delas, elaboraron o guión e mesmo protagonizan o filme, aínda que interveñen (desinteresadamente) as actrices Gloria Rico e Gloria Ferreiro. Tamén Uxía, Kérkennai e Colectivo Oruga colaboraron na banda sonora, e poderemos escoitalos na presentación da curta, no Auditorio de Galicia, este domingo ás 20.00. O 17 de decembro estará tamén na Aula Sociocultural Caixa Galicia compostelá, e prevése a súa difusión a través de colectivos e asociacións.

Precariedade e discriminación

Que vemos nesta curta? A situación laboral que viven as persoas empregadas no fogar: "o traballo doméstico está totalmente esquecido, pasa desapercibido, tanto o remunerado como sen remunerar. Vemos que propoñen medidas para a conciliación da vida laboral e familiar, pero quen nos "concilia" a nós? Como podemos atender á nosa casa e ao noso traballo cos horarios e as condicións que temos?"

Explícannos que o réxime da seguridade social, especial para os empregados do fogar, está moi desfasado: o réxime é "totalmente distinto ao xeral: cousas tan básicas como que as baixas se empecen a remunerar a partir do cuarto día cambian para nós, que empezariamos a cobrar no día 28. Agora están botando a andar unha serie de medidas para que, paseniño, nos próximos sete ou oito anos baixe até o día 15, pero segue a ser inxusto. Tampouco temos prestacións por desemprego..."

Iso, claro, no suposto de que exista un contrato, que moitas veces non acontece: "a maioría de nós non temos contrato, e as vacacións non están pagadas: se os empregadores marchan da casa en agosto e non tes que traballar, ese mes non o cobramos. Os accidentes laborais non existen para nós, e aínda por riba, se estás interna, se cadra retéñenche o 45% do soldo en concepto de manutención".

Tampouco están aseguradas, na súa maioría: "os empregadores non te aseguran, e, se o fan, é a costa do teu soldo". Por non falar das irregularidades laborais: "contratas oito horas e traballas dez, ou contratas limpar e pasar o ferro, pero logo tes unha chea de cousas máis". Dende Xiara destacan tamén que o seu traballo é totalmente infravalorado: "hai empregadores que non nos van subir o soldo, pero se cadra non lles doe gastar os cartos nuns zapatos carísimos".

O encontro

Esta xornada sobre emprego doméstico quere ser un foro de debate sobre a situación das persoas que traballan no fogar. Logo dun café de recepción e o reparto de acreditacións, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Carme Adán, inaugura a xornada, que comeza ás 11.00 coa conferencia de Octavio J. Granado Martínez, secretario do Estado para a Seguridade Social, co título "Propostas da Administración pública para o emprego doméstico".

Logo dun descanso, falará Isabel Otxoa Crespo, profesora da Universidade de Euskadi e asesora da Asociación de Traballadoras do Fogar de Bilbo. Despois de xantar, terá lugar unha mesa redonda: "As asociacións das traballadoras do fogar e os seus obxectivos", con Laura Guillén Ramón (Plataforma Estatal de Asociacións de Traballadoras do Fogar), Carmela Casal Ruibal, (Asociación Galega de Empregadas do Fogar "Xiara"), Patricia Meixide (Programa Emprego de Cáritas en Tui), Ana López-Suevos Fraguela (maxistrada-xuíza do social nº 2 de Santiago de Compostela). Modéraa Mercedes Andrade Roca (Plataforma pola Dignificación do Emprego no Fogar).

E logo da clausura, a cargo de Ana Luísa Bouza Santiago, directora do Servizo Galego de Igualdade, proxéctase por primeira vez Esquecidas, producida pola Asociación Galega de Empregadas do Fogar "Xiara" e Espazo Aberto Galiza Filmes. Neste traballo demóstrase o que acontece cando o traballo doméstico, que ninguén valora, deixa de facerse.


3,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: